Por Rubén Pérez | A Coruña | 03/11/2011
A crenza popular di que o feito de colocar unha pexa, tranca ou cepo (como se queira chamar) na pata dun cabalo fai que o animal non invada estradas nen cultivos. Esta crenza cae polo seu propio peso, pois ninguén no seus cabais pode pensar que un aparello de madeira na extremidade dun ser vivo pode evitar que transite con liberdade, máis despacio, sí.
A colocación destes auténticos elementos de tortura tamén se emprega para manter preto as eguas no momento do parto. Sen embargo o que esta crenza non variou é que estes actos son ilícitos penais. Dende a reforma do Código Penal en decembro de 2010, hai case un ano xa, o feito de colocar unha pexa pode derivar en penas de ata un ano de prisión e inhabilitacións de ata 3 anos para desenvolver calqueira traballo relacionado cos animais.
Este mesmo medio dixital, xa dispón hai varios meses dun anuncio que permite a denuncia de casos de malos tratos aos équidos a través das novas tecnoloxías, sen dúbida unha aposta pola protección dos seres vivos.
O caso non sería reseñable senón tiveramos en conta que a postura de moitos gandeiros, por desgraza, continúa a ser permisiva e mesmo activa no uso das trancas. Un feito que debería sorprender á clase política e mesmo á xustiza, pero a falta de identificación efectiva de moitos destes cabalos, imposibilita a localización dos responsables, por iso os animalistas sempre reclamamos a identificación obrigada dos équidos semi-salvaxes, porque para respetar e protexer a integridade dos animais é necesario coñecer con garantía que é o autor destas accións.
Esta identificación, obrigada segundo a normativa europea, permite dispoñer dun rexistro centralizado de cidadáns que se responsabilizan dos cabalos, e acabaría, de seguro, con moitos destes casos de maltrato, pois, non olvidemos que as pexas son un maltrato. A identificación tamén mellora a trazabilidade do animal, e permitiría facer unha radiografía o máis exacta posible do sector equino no territorio galego. ¿É lóxico seguir a usar o método tradicional, a marca de fogo? Non o parece, tendo en conta que o transpondedor (microchip) xa fai o mesma traballo sen causar queimaduras de terceiro grao ao animal, e permite ter un rexistro centralizado dos cabalos.
A solución tamén pasa polo empoderamento do rural, pois tampouco é xusto que un cabalo sen responsable coñecido transite libremente e estrague os terreos de aproveitamento agrícola e logo ninguén se faga cargo dos custos e das indemnizacións. Pero as pexas nunca son, nen serán a solución, e exemplos non fallan. Incluso as comunidades rurais secuestraron équidos que portaban pexas, curioso non si?