Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 17:37
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga) e a Sociedade Galega de Fisioterapeutas (Sogafi) celebran que a Consellería de Sanidade aceptase 40 das 47 medidas propostas por eles ao borrador do plan de mellora da Atención Primaria.
Segundo informan, estes colectivos destacan algúns "compromisos" aceptados como a inclusión da fisioterapia entre o equipo básico de Atención Primaria, para o que --aseguran-- faranse os "cambios lexislativos necesarios".
Ademais, Cofiga e Sogafi celebran o recoñecemento da "autonomía plena" dos fisioterapeutas neste nivel asistencial, a presenza dun fisioterapeuta comisionado nos servizos centrais da Consellería e o nomeamento dun coordinador desta especialidade en todas as áreas sanitarias.
De igual modo, subliñan que o borrador de Sanidade prevé a elaboración dunha nova guía de actuacións dos fisioterapeutas en Primaria, así como a creación de novas prazas para o período 2019-2024, a pesar de que son "insuficientes".
E é que, segundo ambos os colectivos, a sociedade civil galega no seu conxunto "coñece os importantes problemas que actualmenbte presentan" as unidades de fisioterapia da Primaria en Galicia, "con listas de espera inasumibles polo déficit de profesionais".
Por iso, Cofiga e Sogafi cren que a Consellería, co plan de mellora xa presentado --dotado con algo máis de 17 millóns de euros--, ten unha "oportunidade única" para corrixir unha "carencia histórica" e dotar dos "suficientes recursos humanos" a este servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.