Anova descarta integrarse co BNG: "Non está dentro das posibilidades volver ao pasado"

O portavoz nacional, Antón Sánchez, di que Beiras "vive con certo desgusto" a situación da chamada unidade popular, pola que Anova continúa apostando

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2019 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, asegurou que o horizonte da organización nacionalista non pasa pola posible volta ao seo do Bloque Nacionalista Galego, a fronte que abandonou en 2012 a corrente Encontro Irmandiño liderada por Xosé Manuel Beiras que deu orixe ao nacemento de Anova.

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, no cárcere de Llenoders. ANOVA - Arquivo
Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, no cárcere de Llenoders. ANOVA - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Non creo que estea dentro das posibilidades volver ao pasado", respondeu o tamén deputado de En Marea nunha entrevista na Cadea Ser este xoves na que foi cuestionado sobre a hipotética reunificación do nacionalismo galego tras a decisión de Anova de non presentarse ás xerais tras fracasar as negociacións con Podemos e EU para a configuración dunha coalición electoral á marxe de En Marea.

Despois de que o pasado luns a líder frontista, Ana Pontón, asegurase que "as portas do BNG sempre están abertas para as persoas que teñan a cabeza e o corazón en Galicia", Sánchez asegurou que na folla de ruta de Anova non está a posible volta ao Bloque, aínda que emprazou ao proceso interno da organización que se abre tras a súa decisión de non concorrer ás xerais e que culminará cun conclave que se antolla clave no devir do partido fundado por Beiras en 2012.

Un Beiras que, segundo Antón Sánchez, "vive con certo desgusto" a situación que atravesa a denominada unidade popular, agora divida en tres proxectos diferentes: En Marea, a coalición de EU e Podemos, e Anova. "(A Beiras) Non lle agrada o panorama actual, lémbralle moito ao sucedido na transición", recoñece Sánchez.

Así as cousas, descarta polo momento un posible reencontro no BNG, a 'casa común' do nacionalismo galego ata o ano 2012, cando a Asemblea de Amio supuxo un cisma que orixinou o nacemento de Anova.

Desde entón, Anova apostou pola chamada unidade popular e, segundo o seu portavoz nacional, está postura non cambiou a pesar da súa decisión de apartarse dos seus socios nos últimos anos —EU e Podemos— e do enfrontamento que a súa dirección mantén coa dirección do partido instrumental que encabeza Luís Villares.

SEGUEN CRENDO NA UNIDADE POPULAR

Con todo, tras insistir en que Anova non pedirá o voto para ninguén nas xerais do próximo 28 de abril, Antón Sánchez asegura que a organización nacionalista segue crendo na unidade popular como vía para facer fronte á dereita política e "os poderes económicos e mediáticos que a sustentan".

"Creo que segue tendo sentido, xa que a xente sempre premiou as apostas xenerosas pola unidade. Nós temos un proceso no que a militancia reflexionará. O sentir xeral é que hai que corrixir cousas e reformular estratexias, pero creo que non hai arrepentimentos por apostar por esta liña", aseverou.

Así mesmo, recoñece que a idea da dimisión roldou a súa cabeza: "Mentiría se dixese que non, creo que moita xente que se atopa neste papel pensouno moitas veces. Creo que estamos aquí de paso. A miña participación en política é desde que teño uso de razón, nun lugar ou outro, e creo que todo isto son etapas, e a etapa de estar en primeira liña tamén ten os seus tempos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

5 Loisin

Eu, despois dos jaleos rupturistas, vou votar de novo ao BNG. Lóxico que non volvan ao BNG, se nin os seus colegas de IU e Podemos os queren.

1 Courela

Errar é humano, correxir tamén. Voltarei votar ó BNG, o resto non dá máis que vergoña allea e foi unha indignante e cruel tomadura de pelo e perda de tempo. Nunca máis.

4 Votarei BNG

Non os queren e fan moi ben.

3 Xosé Varela

Queridiños…..por qué no os vais a cargaros otro partido y dejais al nacionalismo galego en paz

2 Gamela

O fracaso non está tanto na ausencia de acordos entre "partidos" senon na QUEIMA dunha nova xeración política para Galicia! Alexandra Kollontai é unha vítima inocente ! Quixeramos pensar que existen persoas coma ela, dispostas a traballar pola xente e polo futuro de Galicia, pero lamentamos que unha nova xeración estea a ser QUEIMADA antes de agromar siquera! O BNG nunca será nada mentras non disolvan o Gran Problema do Nacionalismo (50 anos son demasiados para teimar no fracaso!) Se non existira a UPG o nacionalismo galego tería mellor futuro (agora só poden votar aos cataláns para sair na foto!) http://www.galiciaconfidencial.com/... En Marea tería que mirarse o virus que leva dentro (CERNA)

1 Xanc

A UPG tamén formou parte do Encontro Irmandiño? E de AGE? E de En Marea? E de Anova-Cerna? NON. Vai ser que a culpa non é nin era da UPG. A culpa vai ser dos que queredes pisar moqueta a calquer prezo.

2 Gamela

UPG estivo en todo sempre... grazas ao seu Cabalo de Troia (CERNA) e máis concretamente a través do seu infiltrado favorito : Mario López Rico!

1 lóstrego

É mellor regresar ao futuro, fenómenos!