Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/03/2019 | Actualizada ás 14:00
No laboratorio do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) –Universidade de Santiago de Compostela– veñen desenvolvendo nanovehículos dirixidos activamente ás células metásticas presentes tanto en tecido tumoral, no cancro de pulmón, como na linfa. Un traballo que está liderado pola investigadora Carmen Teijeiro no marco dun proxecto europeo.
A investigadora e o equipo científico que traballou neste proxecto veñen de facer unha nova contribución á literatura científica, coa publicación na revista Journal of Controlled Release dos resultados dos seus estudos, nun traballo titulado ‘A multifunctional drug nanocarrier for efficient anticancer therapy’.
Neste, os científicos salientan a funcionalidade das nanocápsulas deseñadas, nas que se empregou ácido hialurónico e ácido hialurónico modificado, mostrando unhas "propiedades físico-químicas favorables para a administración de fármacos quimioterapéuticos, tales como tamaño reducido, estabilidade en medios fisiolóxicos e capacidade de encapsular o fármaco antitumoral docetaxel no seu núcleo oleoso”.
Esta distribución selectiva do fármaco elixido, docetaxel, permitiu alcanzar unha concentración de fármaco en tumor 37 veces superior á conseguida co tratamento comercializado Taxotere, que contiña o mesmo fármaco nunha formulación convencional.
Trátase dun sistema altamente especializado que abre a porta a un novo método máis efectivo de atacar cancros agresivos.
“O estudo de biodistribución mostrou un gran aumento da acumulación tumoral respecto ao tratamento comercial Taxotere, especialmente para as nanocápsulas do ácido hialurónico modificado (ata 37 veces máis). Ambos os prototipos, ademais, conseguiron incrementar os niveis de fármaco nos ganglios linfáticos”, salientan os investigadores.
O estudo de eficacia antitumoral revelou que as nanocápsulas modificadas lograron unha gran mellora da eficacia terapéutica, tanto a nivel de redución do crecemento tumoral, como na capacidade para frear a mestástase.
“Estes resultados mostran o éxito logrado co sistema multifuncional proposto, capaz de interaccionar con dous receptores tumorais e de promover a penetración a través do tecido tumoral”, engaden os científicos.
Até agora, o éxito das nanomedicinas contra o cancro foi moderado, principalmente pola falta de propiedades de direccionamiento adecuadas e as dificultades para penetrar nos tumores. O que se pretende co uso de nanotecnoloxía é desenvolver terapias innovadoras para atacar de forma selectiva e integral as células canceríxenas e células do sistema inmune na contorna tumoral, así como sobre as células metastásicas circulantes. Isto conseguiríase con nanocápsulas capaces de asociar diferentes moléculas activas e liberalas de modo controlado nas células diana sobre as que se pretende actuar.
Os científicos afirman que en base aos resultados obtidos nos experimentos se poderán deseñar tratamentos combinados integrais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.