As regueifas, un fermoso método para aprender galego e linguaxe non sexista e non homófoba

Josinho da Teixeira, Sara Marchena e Lupe Blanco imparten cinco obradoiros de regueifa nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns para propiciar un diálogo entre tradición e modernidade que leve a un cambio discursivo e de actitude.

Por Galicia Confidencial | Ames | 26/03/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Josinho da Teixeira, Sara Marchena e Lupe Blanco son os encargados de transmitirlle este luns e martes a importancia da improvisación oral en verso aos institutos do Milladoiro e Bertamiráns en cinco obradoiros. Mediante estas sesións, duns 90 minutos de duración cada unha, preténdese transmitirlle á mocidade xeitos de improvisación oral tradicionais como a regueifa e, ao mesmo tempo, revitalizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas.

Estudantes de 1º da ESO do IES do Milladoiro
Estudantes de 1º da ESO do IES do Milladoiro | Fonte: Concello de Ames

Segundo apunta o Concello de Ames, mediante esta iniciativa preténdese “incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se pon en valor a lingua e se proporcionan recursos musicais e soporte para o desenvolvemento da regueifa”. Para isto achégase ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inícianse nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas. 

“Estes talleres non só buscan dotar de recursos de lecer en lingua galega, senón que tamén se lle amosa á mocidade a importancia de utilizar unha linguaxe non sexista e non homófoba”, engade Neste senso, búscase que os mozos e mozas sexan quen de detectar o machismo nas coplas tradicionais, co obxectivo de propiciar un diálogo entre tradición e modernidade que leve a un cambio discursivo e de actitude.

Os alumnos de 1º da ESO do IES do Milladoiro foron dos primeiros de desfrutar destas sesións de regueifas. Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son as protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras. Este martes tocaralle a quenda ao alumnado do IES de Bertamiráns que, ao igual que o do Milladoiro, acabará regueifando seguindo as pautas ofrecidas polos monitores. 

Durante os obradoiros a rapazada traballa e pon en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, achéganse e revitalizan a tradición galega de improvisación oral e trabállanse valores como a igualdade de xénero, o respecto pola diversidade ou a cooperación. O diálogo nestas sesións é constante e, para favorecer a liberdade discursiva, faise fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubide en expresarse en público, nun ambiente de confianza e horizontalidade. 

Esta iniciativa encádrase dentro do proxecto Enreguéifate, promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, un proxecto que busca difundir a improvisación oral en verso e en galego. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta