Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 19:59
A empresa Naturgy reiterou este luns que a súa torre eléctrica non foi causa do incendio que arrasou máis dun milleiro de hectáreas nos municipios coruñeses de Dodro e Rianxo. Segundo fontes da compañía, esta remítese ao trasladado a semana pasada de que a investigación foi realizada por un perito "de recoñecido prestixio, con solvencia nestas análises, tanto a nivel nacional como internacional", que concluíu que o poste eléctrico non foi "causa nin orixe do incendio".
Este luns a Xunta informou de que a Policía Autónomica e axentes forestais esclareceron o incendio, o cal "se orixinou nun tramo da instalación de distribución de enerxía eléctrica" (alta tensión), no lugar de Bexo, en Dodro. Alí detectouse unha avaría nun poste do que saían faíscas que caían ao chan onde se sitúa o inicio de incendio, asegura o Goberno galego.
En resposta, as mesmas fontes de Naturgy limítanse a explicar que non tiveron acceso ao informe no que se basea o comunicado da Xunta, polo que non van emitir máis valoracións que o dito con anterioridade.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu a semana pasada de que, se se confirmaba que a orixe do grande incendio forestal foi consecuencia dunha faísca dunha torre de alta tensión, o Goberno galego "valoraría a posibilidade" de reclamar á empresa eléctrica (Naturgy) os gastos de extinción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.