Por X.M. Fernández | Verín | 05/04/2019 | Actualizada ás 09:00
Este ano, o ente municipal volve a ofrecer un amplo abano de propostas enfocadas a todos os públicos. Entre as novidades destacan dúas novas exposicións no Museo Claustro Mercedario, xornadas temáticas sobre plantas medicinais e recuperación de oficios tradicionais, o I Intercambio transfronteirizo entre a Asociación Cultural Candaira e o Rancho Folclórico Os Camponeses de Arosa (Cabeceiras de Basto- Portugal).
En atención a poñer en valor o rural e o agro ten especial protagonismo a feira Agro+Verín, pero sen descoidar a importancia tamén da Feira do Libro e da Feira de Artesanía que terá lugar no Pavillón Municipal. Como complemento haberá tamén interesantes actividades infantís pedagóxicas e actuacións musicais variadas.
Para os amantes do deporte e o motor destacar o Torneo de Pitch and Putt (Golf), unha mostra de vehículos de ocasión, BTT, fútbol e natación.
Diego Lourenzo, Alcalde de Verín en funcións, quixo salientar que “Hai tres anos, desde o grupo de goberno dabamos un xiro total a estas tradicionais festas co firme propósito de recuperar o seu antigo esplendor. Tras o máis que evidente éxito de participación experimentado nas pasadas edicións, podemos dicir que con este novo e xa consolidado concepto de Lázaro Multicartel logramos con creces o noso obxectivo, logrando ofrecer a veciños e visitantes unha completa fin de semana con máis dunha trintena de actividades, distribuídas por toda a vila, para todos os segmentos de público e todas as idades”.
Beatriz Fernández, técnica do CDR Portas Abertas, confirmou que Agro + Verín contará durante os días 6 e 7 de abril cunha completa feira de mostras, ubicada no Pavillón Municipal de Deportes de Verín, repleta de actividades, todas elas relacionadas cos cambios experimentados no rural e nos traballos que antano se practicaban, conxugando tradición e innovación, “para isto contaremos coa presenza de Idoia Cuesta e Olería do Batán, que co seu gran traballo demostran como os oficios tradicionais poden ser unha saída profesional de gran éxito. Ademais a D.O Monterrei estará presente co seu Túnel do Viño”, destaca Fernández.
No que actividades musicais e culturais se refire, desde a concellería de Cultura e Festexos manteñen a liña de programación das anteriores edicións ofrecendo actuacións pensadas para todas os segmentos de público.
Como novidades, inauguraranse dúas novas exposicións no Museo Claustro Mercedarios ( MCM) e celebrarase o “Primeiro intercambio da Asociación Cultural Candaira- Rancho Folclórico Os Camponeses de Arosa (Cabeceiras de Basto- portugal)”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.