Por Rubén Pérez | A Coruña | 18/12/2011
Algunha peña taurina, Sociedad Hípica de La Coruña, Sporting Club Casino de La Coruña, os exconcelleiros Garcés, Cardador e o exalcalde Francisco Vázquez. Un toureiro e un asesor “artístico”, dous exaltos cargos do goberno de Manuel Fraga… está é a estampa da defensa das touradas na Coruña, touradas por suposto subsidiadas, porque como eles mesmos dín, sen subvención non hai feira taurina.
O manifesto presentado e asinado por un milleiro de persoas acaparou a atención dos medios de comunicación locais, sempre ávidos dun proselitismo a favor dunha actividade baseada na agonía dun animal, tradicional din, cultura afirman. Non debemos esquecer quen forma parte deses círculos e se realmente representan a cidadanía coruñesa. Resulta evidente que a primeira vista non só non representan ao conxunto dos cidadáns e cidadás, senón que son grupos de presión ben coñecidos pola defensa doutros intereses. Acadar un milleiro de sinaturas tampouco semella complicado. Podo falar das recollidas de sinaturas da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, entidade que coñezo ben, e os números que se manexan son multiplicacións.
Non quero quitarlle mérito ao manifesto pro-touradas, pois nestes tempos que corren resulta moi complicado defender as touradas. E lograron superarse, sen dúbida; chegando a niveis dos partidos que practican un discurso populista, falando da riqueza que xeran as touradas, da grande afición a esta actividade…
A pesares disto as persoas que defenden a supresión de calqueira axuda pública a este tipo de espectáculos, que representan ao 73,2% da cidadanía segundo unha enquisa independiente, tamén terían que ter dereito a decidir e que as súas decisións tiveran a mesma consideración que os 1000 humanos da tauromaquia. ¿Qué ten de democrático que 1000 persoas decidan por centos de milleiros?.
Por outra banda, os abolicionistas presentaron un contramanifesto apoiado polo “cuarteto” da protección animal de Europa, as meirandes entidades que se adican á defensa dos seres vivos: Fondation Franz Weber, CAS-International, League Against Cruel Sports e Djurens Rätt, que só suman 337.000 membros. Unha cifra nada desdeñable se temos en conta que estas organizacións informan do que pasa en terras galegas grazas á rede de colaboración coa plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas.
¿De qué falamos entón? ¿da democracia participativa ou da democracia de salón? Porque o Concello da Coruña leva unha cantidade superior aos 1.400.000 euros “invertidas” nas touradas, e isto só trouxo quebradeiros de cabeza nos últimos anos, bueno, tamén perdas… non o esquezamos.