Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2019 | Actualizada ás 09:58
Celadores de hospitais públicos da comunidade de Galicia convocan para este mércores, 8 de maio, concentracións para reivindicar a recuperación dos seus dereitos.
Segundo informou nun comunicado a Plataforma Galega de Celadores da Sanidade Pública, trátase dunha mobilización que "autoconvoca" este colectivo ante "a decisión do Sergas, avalada pola pasividade de todos os sindicatos, de que desaparezan da Atención Primaria e PACs", medida que, aseguran, "non ten base legal ningunha".
"Na última convocatoria de traslados o Sergas non oferta praza ningunha para celadores en Atención Primaria e tampouco en Puntos de Atención Continuada", denuncian celadores.
Fronte a esta decisión do Sergas, aseguraron, "xa se presentaron en varias áreas sanitarias escritos dirixidos á Dirección de Recursos Humanos do Sergas", nos que solicitan "a impugnación e paralización da citada convocatoria" e reclámase que "esas prazas vacantes e as que xurdan no futuro en PACs ofértense a celadores".
Por iso, convocaron concentracións en todos os hospitais do Sergas este mércores 8 baixo a lema 'Recuperemos os nosos dereitos. Celadores de Galicia en loita. Queremos traballar en Atención Primaria e PACs: é de lei'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.