A Xunta di ter investido 100 millóns en infraestruturas xudiciais e a oposición di que falta o 30% por rematar

O conselleiro de Economía Francisco Conde, lamentou que as ofertas que se recibiron ata o momento pola factoría coruñesa de Isowat "non foron suficientes para cumprir os obxectivos marcados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu en sede parlamentaria que o Goberno galego investiu 100 millóns de euros na execución do Plan de Infraestrutuas Xudiciais de Galicia que, segundo o Partido Socialista, o Executivo autonómico ten incumprido, pois tras catro anos desde o fin do prazo para a súa conclusión "están pendentes o 30 por cento das actuacións previstas". Rueda respondeu durante a sesión plenaria deste mércores no Parlamento de Galicia a unha pregunta efectuada pola deputada socialista Patricia Vilán, que afirmou que devandito plan, previsto para o período 2010-2015, está "sen terminar".

"Cos poucos datos que temos, deixaron sen executar 28 millóns de euros dos 75 para infraestruturas xudiciais, e a finais de 2018 realizaran a penas o 70% do programado para 2015, deixando pendente o 30% do gasto restante despois de catro anos da súa conclusión", aseverou a portavoz de xustiza do PSdeG na Cámara, que acusa o Goberno galego de empregar a Sociedade Pública de Investimentos (SPI) para "ocultar" os investimentos.

Fronte a isto, o número dous da Xunta agradeceu, en ton irónico, que o PSdeG lle permita repasar na Cámara as actuacións acometidas para a mellora e rehabilitación dos edificios xudiciais "en pleno período electoral". "Non sei se me vai denunciar, pero a pregunta facilítamo", indicou Rueda ao comezo da súa intervención. A continuación, negou que o plan estivese "oculto", xa que, segundo afirmou, tanto o contido como a súa evolución estaban "a disposición de toda a cidadanía" na páxina web da Xunta.

Ademais, afirmou que no marco do plan executáronse 66 proxectos, dous máis dos 65 previstos inicialmente. Entre eles destacou os novos xulgados de Santiago, Ourense e A Coruña; a rehabilitación doutras dependencias en Ferrol, O Carballiño ou Viveiro, así como outras actuacións relacionadas coa mellora na eficiencia enerxética e obras menores. "Non é certo. Seguen sen executarse os proxectados en Muros, Sarria, Cambados, Vilagarcía e A Estrada. Se había 64 proxectados e di agora que se executaron 66, ese cinco onde están?", preguntouse Patricia Vilán, que tachou de "milongas" as afirmacións de Rueda.

Este último esgrimiu o "esforzo" realizado pola Xunta desde 2009 para "no momento máis difícil" pola crise económica para acometer a renovación de edificios xudiciais "que non se fixeron cando había diñeiro" durante a etapa do 'bipartito' en San Caetano. "Ou non o vían ou, se o vían, non lles daba a gana", incidiu.

Pleno parlamentario. XUNTA
Pleno parlamentario. XUNTA

ISOWAT

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lamentou que as ofertas que se recibiron ata o momento pola factoría coruñesa de Isowat "non foron suficientes para cumprir os obxectivos marcados". Con todo, sinala que se segue traballando e "hoxe pode haber máis opcións que antes".

En resposta a unha pregunta no pleno do Parlamento galego do BNG sobre a planta de Isowat, sobre a que pesa ameaza de peche e os seus traballadores están inmersos nun ERTE, Conde pediu "realismo" para poder "atopar" un plan que sexa viable e conte co aval dos traballadores. Neste sentido, asegurou que o proceso "aínda está aberto", polo que "hai tempo", para o que a Xunta mantense "en contacto" con posibles investidores co fin de conseguir ofertas que cumpran cos criterios fixados.

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas criticou que para a planta de Isowat de Medina del Campo "xa hai unha solución", mentres non para a da Coruña, a pesar de que é a que "máis valor engadido tiña". A continuación, Presas lembrou á Xunta que o "tempo se esgota" e avisa de que estarán "vixiantes". Conde replicou que o Goberno galego estivo "desde o primeiro momento" cos traballadores, mentres "vai seguir traballando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta