Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2019 | Actualizada ás 11:15
O traballador da Brigada de Extinción de Incendios Forestais pertencente ao Concello de Lobios (Ourense) acusado de provocar tres incendios en 2017 alcanzou este xoves un acordo de conformidade co Ministerio Fiscal e coa acusación que exercía a Xunta de Galicia, segundo a cal se lle rebaixa a pena de prisión a tres anos e substitúese por unha medida de liberdade vixiada, ao estimarse a eximente completa.
A medida de liberdade vixiada foi contemplada para que o acusado poida continuar durante eses tres anos co tratamento psiquiátrico para a enfermidade que padece. Un tratamento que iniciou xa durante a súa estancia, de case un mes e medio, en prisión provisional por estes feitos.
A Audiencia Provincial de Ourense celebrou este xoves unha vista oral ao investigado M.G.F. que, segundo indica a fiscal no escrito de acusación, prendeu os lumes cando iniciaba a súa xornada laboral como brigadista, con condicións climatolóxicas favorables para a propagación debido ás altas temperaturas.
A Fiscalía modificou no seu escrito a cualificación dos feitos, ao considerar que non existía un grave perigo para a vida das persoas, cuestión que si se contemplaba previamente no escrito de acusación pola proximidade dos incendios aos núcleos de poboación.
A Fiscalía tamén solicitou que sexa inhabilitado para o exercicio de actividades como brigadista ou relacionadas co monte durante cinco anos. Pola súa banda, solicitóuselle unha indemnización de dous euros ao día durante 18 meses.
RESPONSABILIDADE CIVIL
O acusado tamén acordou facerse cargo da responsabilidade civil polos gastos de extinción dos incendios e danos ocasionados. En concreto, no ocorrido o día 22 de agosto de 2017 ascenden a 13.520 euros.
Polo incendio con data 27 de setembro de 2017 deberá achegar 2.348 euros. Por último, o lume provocado o día 2 de outubro de 2017 ascende a 2.214 euros.
"NON ENTENDÍA A TRANSCENDENCIA DOS SEUS ACTOS"
O avogado da defensa, Óscar Pazos, explicou que a conduta do seu cliente respondía á súa enfermidade psicopatolóxica que "lle levaba a non ter un coñecemento real dos seus actos e non darlle a transcendencia que ditos feitos tiñan".
"M.G.F. prendía lume e, unha vez que se daba conta dos feitos, non sabía explicar o motivo polo que o facía", manifestou. O acusado "arrepíntese desde o primeiro momento", declarou o seu letrado. "De feito, confesou os feitos desde o primeiro momento en que chegou a Garda Civil", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.