Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2019 | Actualizada ás 20:35
Os colexios públicos e concertados de Galicia seguirán sen ter menús veganos. Así o confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recoñeceu que incluír esta opción, tal e como piden os animalistas, suporía "discriminar" a uns nenos sobre os outros ao establecer "menús á carta".
"O que pretendemos é que haxa iguladade entre todos os nenos e, por iso, só ofertamos menús únicos", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Neste sentido, e preguntado por Galicia Confidencial sobre a reclamación de grupos ecoloxistas que piden que se inclúa esta opción, o presidente galego respondeu: "É curioso. As queixas que temos dos pais é porque poñemos moitas legumes nos menús, non polo contrario".
En todo caso, aclarou que só se dan menús especiais por "recomendacións médicas". "Temos limitacións loxísticas e son menús únicos agás aqueles nenos que presenten un certificado médico porque precisan unha alimentación especial por alerxias ou intolerancias alimentarias", suliñou.
PRODUTOS DE TEMPADA
Feijóo respondía así tras aprobar o Goberno galego as condicións de contratación de 133 novos servizos de comedor escolar dependentes da Administración autonómica. Uns menús nos que se valorará positivamente a inclusión de produtos de tempada e adquiridos a menos de 100 quilómetros do centro, así como o uso de lácteos de orixe galega.
Ademais, a Consellería de Educación reservará o 1 por cento do montante da adxudicación para realizar auditorías periódicas do servizo en materia hixiénico-sanitaria ou sobre o cumprimento das condicións do contrato.
Ademais, no novo concurso aumentarase o prezo por menú de 5 a 5,25 euros nos comedores do rural e de 4 a 4,50 nos comedores de centros urbanos, aínda que o prezo para os pais seguirá sendo o mesmo; "ou gratuíto ou un euro", segundo suliñou Feijóo.
Sen contar con esta nova adxudicación, a Xunta xa ten licitados menús en 435 comedores que atenden a 61.150 usuarios. Pola súa banda, concellos e ampas xestionan outros 180 comedores con capacidade para 14.000 usuarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.