Non máis menores nas touradas

A reacción da cidadanía e o rembumbio nas redes sociais demostran que a iniciativa aprobada polos tres grupos parlamentares non estaba errada, ía na dirección correcta

Por Rubén Pérez | A Coruña | 14/01/2012

Comparte esta noticia

O pasado 23 de decembro unha proposición non de lei, impulsada pola plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weber, e presentada por deputados do BNG, foi aprobada por unanimidade na Comisión de Interior e Xustiza do Parlamento galego. O pasado 23 de decembro prodúxose, por primeira vez en moitos anos, un avanzo significativo na protección das persoas menores de idade, na procura da fin das incoherencias lexislativas.

Na actualidade os menores de 12 anos non poden ver certos contidos en televisión, existindo un código de autorregulamento, ademáis dunha Lei do Audiovisual que sen dúbida necesita mellorar.

Os grupos de presión pro-touradas, sempre tan elocuentes, pretenden botar abaixo esta iniciativa, que terá que ser incluida na futura Lei de Espetáculos Públicos e Actividades Recreativas da comunidade galega. Os argumentos esgrimidos xa rozan o absurdo, cuestionando os estudos científicos que alertan das consecuencias e do impacto que supón o visionado e presenza de episodios violentos en directo ou en formato audiovisual. A miña teoría sobre este cuestionamento é a mesma que emprego cando estas personaxes pretenden afirmar que un herbívoro ao que se tortura e martiriza ata a morte non sufre. De feito non só un senón máis de 270 expertos en diferentes campos: Psicoloxía, tratamento de vítimas da violencia, eido legal e psicosocial, e demáis, apoian a idea de vetar as touradas, non xa de vetar o acceso dos menores.

A reacción á nova da cidadanía e o rembumbio nas redes sociais demostran que a iniciativa aprobada polos tres grupos parlamentares non estaba errada, ía na dirección correcta e procuraba un interese superior do menor. Se non deixamos que os nosos fillos vexan certos contidos en televisión, se existen normativas de regulamento para diferentes aspectos, ¿cómo podemos criticar as restriccións dos menores de 12 anos ás touradas? ¿Acaso a tauromaquia non é violenta? ¿todo serve baixo o paraugas da “tradición”, da “cultura”? Ou penso eu, ¿cantas touradas sobrevivirían ao fin dos subsidios?...

As críticas á iniciativa tamén soltan tufo centralista, pois todos os comunicados dos sectores protouradas aluden ao sentimento español, á indivisión do país como se a proposición non de lei supuxera a autodeterminación dos territorios galegos. Son incapaces de pensar que algúns, só a meirande parte da cidadanía, rexeitamos o trato cruento aos seres vivos e rexeitamos que cravar aparellos a un bóvido sexa considerado unha festa.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Pérez Rubén Pérez (A Coruña. 1986) é activista a prol dos dereitos dos animais. Diplomado en Traballo Social e con posgraos en Violencia de Xénero e Acción Humanitaria, colabora en LIBERA! dende 2007, organización na que desenvolve tarefas de coordinación e comunicación política. Dende 2008 tamén é voceiro adxunto da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, alianza que traballa investigando, entre outros eidos, o uso de diñeiro público en festexos taurinos.