Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 31/05/2019 | Actualizada ás 22:00
A chegada da calor e da época estival significa a proximidade de vacacións, relax e viaxes para moitos. Pero esta estación do ano non ten só connotacións positivas para todos. Seis de cada dez galegos póñense a dieta antes do verán segundo unha enquisa realizada por acierto.com. Moitas destas dietas non son saudables pero, é que ademais, moitos dos que as realizan non teñen sobrepeso.
Galicia é a oitava comunidade a nivel nacional con máis habitantes a dieta neste momento, segundo revela este estudo. A porcentaxe de mulleres é maior que a de homes, 4 de cada 10 mulleres afirman ter feito dieta fronte 3 de cada 10 homes. Unha diferenza probablemente debida á presión social exercida sobre o xénero feminino en canto ao seu físico durante séculos. Tamén hai diferenzas de idade. Os españois entre 25 e 35 anos son os que máis dieta fan.
Á hora de informarse sobre que dieta realizar ou sobre a alimentación en xeral, 3 de cada 4 galegos recorren a Internet. Plataformas como YouTube ofrecen miles de trucos que prometen cambios imposibles da noite a mañá, distintos influencers e gurús ofrécennos cada día unha dieta nova e máis peculiar. Non caer nese mercado de dietas e apócemas milagrosas non é doado, e menos, cando as redes sociais nos bombardean 24 horas, 7 días á semana con corpos perfectos que en ocasións só unha xenética determinada (ou varias horas de photoshop) permiten conseguir.
Poñerse a dieta co único obxectivo de modelar o corpo de acordo con certos estereotipos non é o máis saudable. Alicia Boquete, médica con anos de experiencia no ámbito da medicina estética, afirma que estas dietas milagre tenden a fallar a longo prazo. “Normalmente resultan contraproducentes porque o fundamental da dieta para perder peso é fomentar un cambio de hábitos alimentarios a longo prazo”, explica, “ e isto, estas dietas non o fan".
Esta é tamén a causa do coñecido efecto rebote. Restrinxir a alimentación durante un período de tempo pode ter como consecuencia unha baixada de peso pero esta non se manterá se se volve aos hábitos anteriores. “A dieta Dukan, a dieta da alcachofa… Esas dietas son contraproducentes porque poden producir déficits e, por outro lado, como se volve aos hábitos que se tiñan antes, recuperas o peso que tiñas ou incluso gañas máis”, explica a médica.
Ter hábitos alimentarios saudables e evitar unha vida sedentaria é o que se recomenda para manter un peso adecuado. Pero, é realmente necesario ter un corpo que cumpra cos canons preestablecidos para poñerse un bikini? A pregunta pode soar esaxerada pero a presión social ou do grupo chega a afectar ás persoas ata límites insospeitados, sobre todo en idades complicadas como pode ser a adolescencia.
Unha excesiva obsesión polo físico pode derivar en trastornos alimentarios graves como anorexia ou bulimia. Para evitar isto é moi importante unha boa educación neste ámbito e a aceptación do propio corpo dende a infancia. Alicia Boquete recoñece que o feito de non encaixar no modelo estético que venden redes sociais, medios e publicidade, contribúe e pode ser determinante á hora de padecer algunha destas enfermidades.
“É importante ter expectativas reais de cal é o peso axeitado a cada un”, afirma Boquete, “xa que mantendo uns bos hábitos e sendo activos non todos acadan ese peso desexado debido a diversos factores que poden ser xenéticos, conxénito, metabólicos…”.
Pero as redes sociais, como calquera outro medio, non son máis que unha xeito de transmitir contidos. E entre estes contidos comezamos a atopar algo máis que barbies e kens. Un exemplo disto é o movemento body positive, cun grande impacto en plataformas como Instagram. Acusado falsamente de fomentar a obesidade, esta corrente pretende “visibilizar o que se escondeu e se quixo tapar durante décadas, as realidades do corpo humano e do ser humano”, en palabras da top model Jennyfer Barreto-Leyva. Dentro desta definición atópase a obesidade pero tamén a celulitis, as estrías ou outras cuestións consideradas como defectos a nivel estético pola sociedade.
O movemento ten a súa orixe en Estados Unidos e, en Europa, irrompe con forza sobre todo a partir do ano 2017. O obxectivo é que cada individuo ame o seu corpo, sen importar o gordo, fraco, vello ou engurrado que sexa. Imaxes de estrías, barrigas abundantes e brazos sen tonificar comezan a compartir por fin as redes con corpos escultóricos que parecen saídos do Olimpo dos canons de beleza máis clásicos.
Este movemento non aspira a quedarse nas redes senón que xa trascende. Exemplos disto é a elección dunha modelo con vitiligo (enfermidade que produce manchas na pel) como modelo da marca de roupa Desigual, a escritora octaxenaria Joan Didion como imaxe de Dior ou o éxito da tamén modelo Sara Geurts, quen padece o síndrome de Ehler-Danlos, unha enfermidade xenética que provoca enrugas na pel. Un paso adiante para a destrucción dos canons de beleza imposibles e para que as redes sociais sexan un espazo un pouco máis san para os seus usuarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.