Santiago destaca polo seu investimento no sector cultural e eventos como Cineuropa

Na comarca de Santiago, un 5,2% do PIB depende deste sector, segundo datos recollidos no Informe Anual da Cultura da capital galega do ano 2018.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela, xunto á Coruña, son as cidades que máis orzamento invisten no sector cultural, segundo datos recollidos no Informe Anual da Cultura da capital galega do ano 2018.

Ademais, na comarca de Santiago un 5,2% do PIB depende deste sector, o peso económico da cultura máis importante en Galicia. Así, en 2017 había un total de 422 empresas culturais, o que supón un 11,7% do total destas firmas en toda Galicia, moito máis do que lle corresponde en termos de poboación e PIB.

O informe, pioneiro en Galicia, presentouse este mércores como unha "ferramenta necesaria para os traballadores da cultura e tamén para poder planificar estratexicamente a política cultural da cidade".

A este evento acudiron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o consultor cultural e director do estudo, Marcos Lorenzo. Estes destacaron que o estudo servirá como "guía para posteriores mandatos" e tamén que é necesario "ter información sobre o sector para poder realizar unha política pública adecuada".

Novoneyra recalcou a importancia destes datos "como referencia do que debe facer nunha Concellaría de Acción Cultural para poder planificar a medio prazo o orzamento". Así, recolleuse información de 322 axentes socioculturais que desembocou na realización de 120 gráficos e táboas sobre datos referentes á cultura e o seu impacto na economía, a sociedade e a cidade.

TURISMO

Segundo datos de Incolsa, Turismo de Santiago, que realiza un estudo sobre o turismo cultural na cidade cada ano, ao redor do 30% das persoas que visitaron a cidade nos últimos anos acudiron a algún centro cultural ou museo; un 10% a algunha actividade cultural; e só un 1% das visitas están motivadas por un evento cultural.

Doutra banda, o Museo da Catedral de Santiago é o máis concorrido, xa que ten máis visitas que a suma das do Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Centro Gaiás, o Museo do Pobo Galego e o Museo dás Peregrinacións de Santiago.

En canto aos datos achegados polos axentes socioculturais, os acontecementos máis destacados do ano pasado foron o festival de cinema, Cineuropa, o proxecto máis ambicioso e con maior custo; a programación das Festas do Apóstolo; e o festival de música O Son do Camiño, entre outros.

Respecto das principais debilidades da situación da cultura na capital galega, destacaron a escasa coordinación entre os axentes culturais da cidade; deficiencias na comunicación da oferta cultural e impactos negativos que se derivan do turismo masivo.

Doutra banda, entre os aspectos positivos ou fortalezas, destacouse o papel de Santiago como capital cultural de Galicia; a densidade do tecido cultural, que conta cunha gran variedade de empresas e institucións e unha base social "viva e dinámica".

Santiago destaca polo seu investimento no sector cultural e eventos como Cineuropa segundo o Informe Anual de 2018. CONCELLO DE SANTIAGO
Santiago destaca polo seu investimento no sector cultural e eventos como Cineuropa segundo o Informe Anual de 2018. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta