O Parlamento debaterá a próxima semana a nova lei de patrimonio natural

Tamén se abordará a situación do sector eólico ou o coflicto en Alcoa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2019 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento galego da próxima semana acollerá a próxima semana o debate da totalidade do proxecto de lei de patrimonio natural de Galicia, un texto remitido pola Xunta ao Lexislativo e que contará co rexeitamento de En Marea, que presenta unha emenda de devolución.

Este texto, aprobado polo Goberno galego o pasado mes de maio, incluirá un aumento das sancións por danos causados por incendios, que en caso dos casos máis graves poderían ascender a entre 200.000 e 2 millóns de euros.

Esta lei será previsiblemente aprobada o vindeiro martes, posto que conta co visto e prace do grupo do PPdeG, que conta coa maioría absoluta. O seu secretario xeral, Miguel Tellado, valorou que este texto "adapta" o anterior, que data de 2001, ás "novidades que se produciron nos últimos anos" e "avanza na protección" do patrimonio natural.

Con todo, o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, adiantou este martes, na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, que presentarán unha emenda de devolución do proxecto porque, entre outras cuestións, "impón" unha superficie mínima de 10.000 hectáreas "para declarar un parque natural".

Para o deputado do partido instrumental, a norma non dá un argumento "científico nin racional" para esta medida. Así, asegurou que "cinco de seis parques naturais que hai en Galicia non chegan" ás 10.000 hectáreas.

ALCOA E FERROATLÁNTICA

Ademais desta norma, o Parlamento debaterá varias iniciativas en relación coa industria, en especial co peche da planta de Alcoa na Coruña, previsto para finais deste mes se finalmente non se pecha a súa compra.

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa "solidariedade" cos empregados desta factoría encerrados este martes na Delegación do Goberno de Galicia e denunciou que nin o Estado nin a Xunta atopen "unha solución definitiva" para o sector.

Parque Natural da Serra do Xurés
Parque Natural da Serra do Xurés | Fonte: Adrián Regos.

O Bloque, tamén en clave industrial, porá o foco durante o pleno en "o deixamento" da Xunta, que "está a permitir a segregación" que, lamenta, tenta facer o Grupo Villar Mir coas plantas de Ferroatlántica en Cee-Dumbría.

SECTOR EÓLICO

Pola súa banda, o grupo de En Marea centrará a sesión de control ao presidente galego na súa política económico-industrial nos últimos 10 anos. O deputado de En Marea puxo o foco no "espolio" do sector eólico, entregado ao "beneficio do capital estranxeiro" a través de "fondos voitre, bancos e construtoras". Para Sánchez, a política eólica da Xunta ten un "gran impacto" no medioambiente e, a pesar diso, Galicia "segue tendo a electricidade máis cara do Estado".

Por parte do PSdeG, a deputada Patricia Vilán adiantou que preguntarán a Feijóo sobre un balance dos seus 10 anos de "políticas de mans caídas". "Nos últimos plenos vaise vendo que a súa palabra vale ben pouco en canto ao que promete e o que acaba facendo de maneira efectiva", esgrimiu a socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta