Moito novo baixo o sol

Cando alguén afirma con rotundidade tinxida dun fatalismo derrotista que non hai nada novo debaixo do sol, nihil novum sub sole, de verdade está pensando con claridade?.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 20/06/2019

Comparte esta noticia
De verdade ten presentes as constantes innovacións no eido tecnolóxico, por exemplo? Unha arquitecta xordana chamada Abeer Seikaly inventou unha tenda de campaña especial para campos de refuxiados ou emigrantes a causa da pobreza, das guerras ou das persecucións. A súa creación permite a un tempo recoller auga de chuvia e recibir enerxía do sol. Virán moitos inventos máis. Sería bo que se mellorasen os sistemas de coidado da dentadura, e da pel que o sol pode danar, e que se solucionasen os problemas vinculados ao aborrecible tabaco.
 
Á de por si abraiante capacidade para a comunicación e información dos teléfonos móbiles, engádense de forma constante novas aplicacións, como por exemplo a de ver cun punto azul a nosa posición e o noso percorrido exacto polas estradas, á maneira dos sistemas GPS.
 
No campo da Medicina, xorden tantos descubrimentos que custa manterse ó día. Dentro da experimentación, por certo, hai cada vez máis conciencia para evitar o maltrato aos animais e, dentro do campo dos perfumes e da cosmética, o exceso de consumo de flores e plantas.
 
Finalmente, no campo das artes e da cultura - veremos propostas híbridas en literatura, música, arquitectura ... - queda aínda moito por facer. Para cando películas biográficas de calidade sobre Joseph Haydn, sobre Cicerón ou sobre a mesma Rosalía de Castro? Para cando documentais entretidos e iluminadores sobre os viaxeiros foráneos en Galicia como Nina Epton, Annette Meakin, Alan Lomax ou Ruth Matilda Anderson? Para cando documentais que entren no misterio da India, que ó parecer vai suceder a China como pais máis poboado do mundo?
 
Todo apunta a que, mentres arda nos peitos o fulgor do espírito humano, o mundo verá nos séculos os froitos da inspiración e do esforzo de seres que non deben ser esquecidos, grazas aos brillos das súas almas debaixo do astro sol e da irmá lúa que nos acompañan. 

Calor. CEDIDA
Calor. CEDIDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.