Temas: FRASEOLOXíA

“Meter os cans na bouza”, equivalente, entre outras, á castelá “meter cizaña”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 30/06/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestarmos que alguén provoca leas, sarillos e discordias entre dúas ou máis persoas valéndose de comentarios mal intencionados, loias, contos, rumores ou chismes, ¡cantas e cantas veces non teremos escoitado a locución verbal meter cizaña! Resulta escusado dicir que, desde o punto e hora en que cizaña é unha voz espuria (o seu significado orixinal remite a unha planta gramínea, de nome científico Lolium temulentum, moi daniña para os cereais e difícil de erradicar, que na nosa lingua denominamos como xoio ou lerica), a expresión resulta unha mera transposición, inadmisible desde un punto de vista normativo, do castelán. E inda máis se temos en conta que en galego dispomos dunha variedade de secuencias expresivas que dan conta do mesmo contido. Vexamos algunhas:

American Bully, considerado como can perigoso e que ten que ter microchip
American Bully, considerado como can perigoso e que ten que ter microchip | Fonte: Dogmal

Meter # Sembrar cizaña

{= Provocar leas, sarillos e discordias entre dúas ou máis persoas valéndose de comentarios mal intencionados, loias, contos, rumores ou chismes.}

Meter os cans na bouza

Ceibar # Soltar os cans na bouza

Encirrar os cans

Meter # Facer guerra

Ex.: Siempre le ha gustado mucho meter cizaña entre los veciños.

Sempre lle levou moita idea meter os cans na bouza entre os veciños ceibar os cans na bouza entre os veciñosencirrar os cans entre os veciñosmeter guerra entre os veciños.

● Tamén:

Meter os cans á bouza && Ceibar o can na bouza && Meter os cans na mouta && Meter os bois na bouza && Picar a cobra && Botar a man na silveira coa man allea

Ex.: Sempre lle levou moita idea meter os cans á bouza entre os veciños ceibar o can na bouza entre os veciñosmeter os cans na mouta entre os veciñosmeter os bois na bouza entre os veciñosbotar a man na silveira coa man allea entre os veciños.

● E mesmo:

Dar de comer al diablo && Echar a rodar los bolos

Meter as cabras na horta # as ovellas na horta # os cans no río && Facer lear os gatos no aire

● Tamén:

Meter # Sembrar discordia && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Meter # Sembrar veneno && Meter # Sembrar ponzoña

Meter # Sementar discordia && Meter # Sementar cisma && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Meter # Sementar veleno && Meter # Sementar pezoña

● Inda tamén, nalgún ca outro contexto en que poderían compartir espazos de uso coas equivalentes a botar máis toxo/leña ó lume (que abordaremos no seu momento):

Atizar el fuego

Poñer lume && Atizar o lume # no lume

● E mais tamén, simplemente mediante formas verbais:

Cizañar # Encizañar # Encismar # Enzarzar # Engrescar (+ complemento directo)

[RECOLLEITOS NO DRAG CON ESTE SGDO. DO QUE ESTAMOS A FALAR]: Encirrar # Acirrar # Apurrar # Aporrear # Atouzar (+ complemento directo) && [E CON COMPORTAMENTO INTRANSITIVO (ISTO É, SEN COMPLEMENTO DIRECTO)] Cismar

● E mesmo, máis ou menos empregables e axeitadas en función dos contextos:

Indisponer # Malmeter # Malquistar (+ complemento directo) && [E INDA INCLUSO, NALGÚN CA NOUTRO CONTEXTO BASTANTE ESPECÍFICO]: Enemistar

Indispoñer/Indispor (+ complemento directo) && [E, NON RECOLLEITAS ESPECIFICAMENTE NO DRAG CON ESTE SGDO.]: Incinir # Empezoñar (+ complemento directo) && [E INDA INCLUSO, NALGÚN CA NOUTRO CONTEXTO BASTANTE ESPECÍFICO]: Poñer/Pór a mal

Ex.: Siempre le gustó mucho cizañar # encizañar # encismar # enzarzar # engrescar.

Sempre lle levou moita idea encirrar # acirrar # cismar # empezoñar # [MESMO TAMÉN, PROBABLEMENTE MENOS EMPREGADOS NESTE USO TRANSITIVO ABSOLUTO (isto é, sen a presenza explícita dun complemento directo que –fronte ao uso intransitivo– si que existe ou se sobreentende)]: apurrar # aporrear # atouzar.

Ex.: Siempre le ha gustado mucho cizañar # encizañar # encismar # enzarzar # engrescar a los vecinos.

Sempre lle levou moita idea encirrar acirrar apurrar aporrear atouzar incinir empezoñar os veciños (entre si). && Sempre lle levou moita idea cismar nos veciños cismar entre os veciños.

Ex.: Non vengas ahora tú aquí a meter cizaña a malmeter.

Non veñas agora ti aquí meter os cans na bouza meter guerra encirrar acirrar incinir indispoñer empezoñar.

APUNTAMENTO:

Téñase en conta que o emprego transitivo de varios destes verbos tamén se pode manifestar co complemento directo introducido pola preposición en (do mesmo xeito a como acontece con enunciados do tipo de sachar nas patacas, facer no parvo, etc.). Ex.:

Sempre lle levou moita idea encirrar acirrar apurrar aporrear atouzar incinir empezoñar nos veciños.

● E inda tamén, como secuencia recolleita –inda que sexa de xeito indirecto– no DRAG (así, a definición que se dá nesta obra para a entrada marioleiro, marioleira é a de “[Persoa] que leva e trae chismes para meter xoio entre a xente”), e que quizais constitúa un mero calco do castelán:

Meter # Sementar xoio

● Inda incluso, en contextos, cando se intenta meter os cans na bouza a través de mentiras, loias ou alburgadas:

Alburgar

Ex.: No vengas aquí a meter cizaña, que sabes que eso que estás diciendo no es cierto.

Non veñas aquí meter os cans na bouza encirrar os cans meter guerra encirrar alburgar, que sabes que iso que estás a contar non é certo.

NOTAS:

1. Cómpre ter en conta que nalgún ca outro contexto as expresións referidas neste artigo poderían confluír coas que habemos reflectir cando abordemos as paremias galegas equivalentes ás castelás echar (más) leña al fuego e mais alborotar el cotarro, que, libres de mal, habemos tocar no futuro.

2. En relación coa expresión castelá meter # sembrar cizaña, esta lingua tamén conta coas voces cizañero e cizañador, aplicadas ás persoas que meten os cans na bouza ou que teñen tendencia a facelo.

En galego tamén dispomos de vocábulos que designan este mesmo contido, coma principalmente encirrante, acirrante, cismón ou cismeiro. Mesmo tamén en ocasións se podería botar man, malia seren só utilizables en certos contextos específicos e, polo tanto, máis ou menos axeitados en función deles, dos vocábulos marioleiro (e mesmo mariolante), alburgueiro (naqueles casos en que se encirra a través de loias ou embustes), pezoñoso, canfurneiro ou aduaneiro, entre outros; e inda incluso, como voz non recolleita (cando menos polo de agora) nas obras normativas, e polo tanto pendente de sanción ó respecto, de langrista (tirada do portal palabras con memoria)

3. En principio non recollemos neste artigo, como voz galega equivalente a indispoñer, o vocábulo malquistar, dado que non temos constancia da súa existencia na oralidade. Non obstante, si que queremos facer constar que se recolle tanto esta forma malquistar coma a antónima benquistar, ou os seus correspondentes participios malquisto e benquisto, xunto así mesmo co participio quisto (=querido, estimado), do que parten ambas, en certas fontes lexicográficas do Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega, nalgunha ca outra obra literaria do Tesouro Informatizado da Lingua Galega e mesmo no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, o cal non implica en por si que se trate de voces que se deban considerar propias da norma do galego, pois en non poucas ocasións as referidas fontes rexistran vocábulos espurios, basicamente por influencia e presión do castelán. Trátase, en todo caso, de voces (existentes tamén na irmá lingua portuguesa) respecto das cales a última palabra a nivel normativo, para sancionar como correctas ou incorrectas, lle corresponde á Real Academia Galega, institución a quen lle corresponde a dita sanción e que dispón de máis documentación, información e coñecementos, e criterios máis firmes e fundamentados, cós que nós podemos achegar aquí.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXVI/80, pp. 287-306. Ano 1971.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eusi

O retrouso ten remate! "Sempre mete os cans nas bouzas, e despois non sabe como sacalos"