Por Rubén Pérez | Madrid | 29/02/2012
O cambio de goberno e a escolla de José Ignacio Wert como Ministro de Cultura promete dar moitos titulares. Na súa primeira comparecencia en comisión parlamentar xa puña entre os seus obxetivos a posta en valor das touradas, pois semella que non reciben suficiente diñeiro e que a cidadanía non lle interesan o máis mínimo. En comunidades como a galega o 86% rexeitan esta actividade, de seguro que con máis subsidios lles gusta máis ¿ou non?
A comparecencia de Wert tivo moitos matices. No tema taurino patinou ao afirmar que as touradas foran declaradas Patrimonio Inmaterial de Francia, cousa que lle lembrou a Asociación Animalista Libera e o deputado de EUiA, Joan Josep Nuet. Éste mesmo presentou unha batería de preguntas para coñecer o alcance real do apoio ministerial ás touradas, xa que se non hai diñeiro para servizos básicos como a educación ou a sanidade menos pode haber para torturar seres vivos.
Lonxe de tratar de enmendar estas auténticas prioridades dos conservadores dende o goberno central, o PP teima en que as touradas en directo volten á TVE, sen contar que os cidadáns xa financiamos a producción de programas de contido taurino en La2 e en RNE5. Ademáis hai un dato clave, xa que o denominado horario de protección infantil impide a emisión de certos contidos en aberto, e supoño que estes espectáculos sanguinolentos non están adaptados para os máis pequenos (e non tan pequenos).
O Ministro de (in)Cultura promete ofrecernos unha visión diferente do que é ser representante dun goberno, máis próxima á tertulia radiofónica, que o que se lle suporía a un cargo público. Esta moi preocupado porque a tauromaquia só percibe do erario público ao redor de 500.000.000€ ao ano, cifra que non é suficiente para manter unha das actividades ás que menos persoas asisten.
No territorio galego resulta estrano ver unha tourada sen subsidios: A Coruña, Pontevedra, Muíños ou Padrón gozan de importantes axudas económicas, e o goberno de Sarria, agora en mans do Partido Popular, prometeu recuperar os festexos taurinos con subvención. A iso únese unha grave falta de transparencia, a mesma que Wert promete ofrecernos: máis subvencións para maltrato animal, pero non saberedes cales.
De todolos xeitos, teno un pouco máis fácil, o anterior goberno socialista xa deixou ben atada a creación dun Premio Nacional de Tauromaquia, equiparando aos matarifes de ocio cos escritores, debuxantes e outras disciplinas.