A Xunta fía nos retornados e en promesas aínda sen cuantificar a súa política demográfica

Anuncia unha batería de medidas xeralistas para afrontar o inverno demográfico, entre elas, un "selo de establecemento máis amigable coas familias", salas de lactancia e cambiadores en locais públicos, un banco de leite materno e o apoio á reprodución asistida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este xoves o inicio da tramitación da que será a nova lei de impulso demográfico, que buscará a colaboración do resto de administracións, e que aposta polos retornados para equilibrar os datos negativos da natalidade.

Bebé no hospital
Bebé no hospital | Fonte: Unicap - Hilando Vidas

A norma está chea de principios e medidas aínda sen cuantificar que a conselleira de Política Social, Fabiola García, dixo que se concretarán cando se falen cos distintos axentes implicados, entre eles, concellos e entidades sociais. De feito, no avance das medidas,  García destacou que se terá en conta o investimento dos concellos en políticas demográficas á hora da repartición dos fondos de cooperación aos entes locais.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que este novo texto lexislativo, que o seu Executivo espera remitir ao Parlamento "no mes de outubro", fixará en 700 millóns de euros o orzamento mínimo que incluirán as contas anuais da Comunidade para frear a perda de poboación.

Na comparecencia de prensa posterior á reunión do seu Goberno, Feijóo insistiu en que tamén os concellos e as deputacións poden fixar "políticas, recursos e prioridades" para afrontar o "problema" demográfico que afecta non só a Galicia, senón tamén a España e a Europa. Para iso, o presidente galego suxeriu que estas institucións poden establecer "complementos" ás axudas autonómicas aos novos nacementos ou "diminuír" os impostos municipais ás familias numerosas. 

BATERÍA DE PROPOSTAS

Entre as propostas anunciadas están medidas de coordinación entre administracións, de apoio á familia como a gratuidade do autobús para os menores de 19 anos, o aumento da tarxeta benvida no rural ou un "selo de establecemento máis amigable coas familias", salas de lactancia e cambiadores en locais públicos, un banco de leite materno e o apoio á reprodución asistida.

Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo
Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo

Tamén aposta por máis medidas de conciliación laboral, de apoio aos mozos e de axuda aos retornados con política laborais concretas para este colectivo. Ademais, avoga por bonificacións impositivas no medio rural ou o establecemento dun servizo de voluntariado senior para aproveitar a enerxía dos máis vellos.

"É unha norma con vocación de ocnsenso e vocación de transversalidade", suliñou Fabiola GArcía que recoñeceu que, a día de hoxe, aínda é dificil concretar ou cuantificar estas medidas á espera de falar "cos distintos axentes implicados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta