Conxo celebra a segunda romaría en menos dun mes

Neste romaxe conmemorarase o 25 aniversario da Asociación en apoio aos enfermos de saúde mental Fonte da Virxe.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Por segunda vez no que vai de mes Conxo acollerá unha romaría. Este ano, a asociación compostelá en defensa da saúde mental Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares na área de Santiago. Para celebralo, mañá, sábado 29 de xuño, realizará unha gran romaxe durante todo o día a carón da Fonte da Virxe, en Conxo, lugar do que a asociación tomou o seu nome.

Obradoiro de cerámica previo á romaría da asociación Fonte da Virxe.
Obradoiro de cerámica previo á romaría da asociación Fonte da Virxe. | Fonte: CEDIDA

O evento comezará ás 13h coa inauguración dun banco de cerámica que conmemora o 25 aniversario da asociación e que foi elaborado de xeito participativo nos talleres de cerámica da mesma. A continuación, ás 14h, haberá un xantar de convivencia e seguidamente celebrarase unha gran festa que inclúe un concerto de Natalia González ata as 18:30.

Nesta festa preténdese reunir a todas as persoas que forman parte da historia da asociación: Dende os fundadores aos traballadores. Volverase así, 25 anos despois, ao punto de partida para facer balance da traxectoria vivida e reafirmar os propósitos fundacionais da organización. Non obstante, será un encontro lúdico e festivo onde os asistentes poderán compartir vivencias e lembranzas.

O LUGAR

Fonte da Virxe é un área natural do barrio de Conxo recentemente acondicionada e aberta ao público que, antigamente, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Naquel entón, era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e foi tamén onde comezaron a reunirse os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente por esas datas.

En 1994 formalizouse a asociación homónima, identificado a súa misión co nome do lugar de orixe e abrindo outros puntos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental fóra do recinto hospitalario. 25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe conta cun Centro de Rehabilitación no Barrio de San Pedro e un Centro Ocupacional na Barcia.

UN BANCO CONSTRUÍDO POR MOITAS MANS

A idea de construír un banco para conmemorar o 25 aniversario de Fonte da Virxe xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro da asociación. Para dar forma á peza, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou do deseño gráfico.

O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Ten forma dun gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levántase unha estrutura de albanelería, a cal vai recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos.

Estes talleres de participación aberta tiveron lugar durante os meses de abril e maio, cando calquera persoa interesada puido achegarse á asociación para elaborar as súas pezas. Ademais, Fonte da Virxe contou co apoio especial da asociación Itínera, que axudou a facer a armazón da base do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participou na elaboración das lousas cerámicas da cobertura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta