Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 12:25
O sindicato CIG presentou no rexistro do Parlamento galego un total de 13.731 firmas en apoio á súa iniciativa lexislativa popular (ILP) para que a enerxía pase a ser considerada servizo público e que as concesións hidroeléctricas pasen á administración.
En declaracións aos medios ante a Cámara galega, tras facer entrega destas firmas no rexistro da institución, o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, reclamou que se tomen medidas para evitar "os altos prezos impostos polo oligopolio", que está a provocar unha situación de "pobreza enerxética" e que moitas empresas galegas estean "en risco"
Así, lembrou que Galicia exporta o 40 por cento da enerxía que produce ao resto do territorio, sen que iso retorne en beneficios á comunidade a pesar do "dano que implica". O territorio galego conta con 166 centrais hidroeléctricas, que representa "o 20 por cento" da instalada no conxunto do Estado.
Neste sentido, Carril trasladou que esta ILP busca que aquelas concesións, moitas delas "superando" os 75 anos e que "están a caducar", pasen á administración públicia a través dunha "empresa pública galega" que explote estas centrais a través dun "interese social".
"Que esta situación de espolio de recursos ten que reverter dalgunha maneira", insistiu Carril, quen instou a dotar de instrumentos que permitan darlle a volta á "pobreza enerxética" que vive a comunidade a pesar de que é territorio "excedentario" en produción.
Por todo iso, pediu o apoio parlamentario a esta ILP, confiando en que os grupos políticos dean o seu visto e prace por unanimidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.