Cruz Piñón, a labrega que pon en valor o medio rural a través do YouTube

Di que ao comezo non lle tiña apego ningún ao ordenador... Mais unha vez que se afixo a el non houbo volta atrás. Cruz é unha das mulleres da canle de YouTube Teño unha horta en San Sadurniño e agora tamén leva outra máis: As hortucas de Ferreira. Mostra un rural vivo, dinámico e moderno, que racha patróns e que, ademais, traspasa fronteiras. Ten seguidores internacionais e moitos coñecementos agrícolas que seguir compartindo cos seus subscritores.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 24/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

- Eu fun a un curso, pero tíñalle moito medo... Todos querían que eu aprendera a manexarme con Internet, e eu dicíalles: 'Pero que vou vella! Que vou aprender?'. Eu estaba naquel momento afundida nunha depresión moi grande, e a cativa chegou un día e díxome: 'vouche dar unha noticia, mañá ás dez tes que estar na aula CeMIT, xa te apuntei'. E madre mía! Fun, eh. Tiña os dedos agarrotados do medo que tiña. Díxenlle a Carmen Nieto, a profesora, que lle pedía unha soa cousa: 'se a xente se ri de min, voume'. E díxome: 'iso non che vai pasar, ven esta semana dez minutiños cada día para estar sentada diante do ordenador'. Os primeiros días non me dobraban os dedos cara ao teclado, suaba! Logo vin que había xente que sabía moito, pero tamén había outra que era coma min.

Cruz Piñón xunto á youtuber Soy unha pringada no Carballo Interplay
Cruz Piñón xunto á youtuber Soy unha pringada no Carballo Interplay | Fonte: Carballo Interplay

Así relata Cruz Piñón, unha labrega e gandeira da parroquia de Ferreira, en San Sadurniño, a historia de como comezou todo. Cruz sentou diante dun ordenador por primeira vez na súa vida pasados os seus sesenta anos. E aquel medo que a paralizaba ao comezo fuxiu axiña para deixar paso a un torrente de imaxinación e creación audiovisual. Aquel curso de iniciación á Internet e contribución á alfabetización dixital e audiovisual foi a lanzadeira para que Cruz aprendera a abrir outras xanelas diferentes ás da súa casa e descubrira un mundo de posibilidades novas ante os seus ollos. 

Eu ata daquela non lle tiña apego ningún ao ordenador. Antes non tiña nin móbil... E mira que non había ninguén que non o tivera. Ao final comprei o teléfono móbil, dichoso teléfono móbil... E un día díxome Carmen: ‘vouche dicir unha cousa, Cruz: pasóuseme polo pensamento conseguir unhas cantas mulleres e facer unha canle de YouTube sobre unha horta’. A min a idea gustoume. Dixémosllo a Consuelo, unha delas, e tamén se animou. Dixémosllo a Carmiña e Maruxa, pero elas dixeron que estabamos tolas... E eu pensaba: 'a horta xa a facemos e traballamos igual, só é grabar uns vídeos...'. Dixémosllo tamén a outra señora de Naraío de 83 anos, e dixo que si, que lle había de gustar. Entón o primeiro ano fomos tres soas. Xa foi un bombazo! E claro, entroulles a pica ás outras, que para o ano seguinte dixeron: ‘e podemos entrar nosoutras tamén?’. 

Entre conversa e conversa xurdiu Fálame de San Sadurniño, un proxecto colectivo dos veciños e veciñas do lugar, e enmarcado nesta iniciativa, nacía outra máis: Teño unha horta en San Sadurniño, esa xa famosa canle de YouTube onde cinco mulleres, Consuelo, Lucita, Carmiña, Maruxa e a propia Cruz, comparten os seus coñecementos sobre os labores agrícolas. “Un bombazo”, nunca mellor dito. O éxito chegou rápido para estas cantas mulleres: as reproducións subían coma a escuma, os premios non tardaron en chegar e o cariño recibido fíxolles ver que pagara a pena comezar a manexarse con aquel aparello tan alleo para elas. Dende o 2015 -ano no que comezaron- ata o día de hoxe suman máis de 2.400 subscritores e máis de 520.000 reproducións, encabezadas por vídeos virais sobre “como cultivar cacahuetes” ou “como sulfatar tomates”. Ou tamén aquel en que atoparon unha planta de marihuana no medio da horta. 

Cruz Piñón na súa horta
Cruz Piñón na súa horta | Fonte: Xisela Franco

Móbil nunha man e sacho na outra, estas cinco youtubeiras resultaron ser un exemplo perfecto do empoderamento da muller no rural a través do achegamento á Internet. Visibilizaron o traballo de tantas mulleres anónimas e valorizárono. Déronlle a importancia que verdadeiramente ten o rol desempeñado polas labregas do país. Puxeron no centro de interese os traballos, pouco estimados historicamente, que as mulleres sempre fixeron na horta e no campo. E así pois, un rural vivo, dinámico e moderno fíxose protagonista no YouTube por conta destas cinco labregas. Rompen patróns e desmenten esa idea do rural romántico e inmóbil. 

NOVA CANLE DE CRUZ: AS HORTUCAS DE FERREIRA

Mais o conto non remata con Teño unha horta en San Sadurniño. As cinco participaron como actrices na webserie Antes de perder, Cruz protagonizou unha curta dirixida por Xisela Franco que conta a historia desta muller valente e empoderada e a Internet... E hai pouco abriu a súa nova canle de YouTube: as hortucas de Ferreira. A historia que hai detrás é ben curiosa... Cruz fala dela emocionada. “Unha chica, Carlota, veume coñecer desde Cantabria. Foi a cousa que máis me chamou a atención: aparecer unha chica aquí á porta... A tiro fixo... Veu e díxome: ‘Es que quiero que me enseñes a hacer una huerta! En Cantabria se dice ‘besuco’, ‘huertuca’... Qué te parece si ponemos ‘As hortucas de Ferreira’?”.

Como boa youtubeira, Cruz non o pensou dúas veces. A canle xa está aberta e en funcionamento. Nela pódese aprender a facer zurro de ortigas, a sementar nas cascas dos ovos, a plantar piña, trigo sarraceno... Cruz xa deu os seus primeiros pasos na canle, só resta aprender tamén dos avances das hortas cántabras. O certo é que queda demostrado que o fenómeno traspasa fronteiras. “Pídenme consello de Arxentina, México, Canadá, Chile... É unha pasada. Teño aí uns cataláns que aprenderon moitas cousas. Dinme: 'Ya comemos cosas de la huerta y no sabíamos hacer nada’. Nosoutras mentres poidamos ensinar do que sabemos...”.

E o que saben tamén o aplican a plantacións máis novidosas. Cruz sementa liño, trigo sarraceno, azafrán, maracuyá, piña, aguacate, papaya... Nada se lle resiste. O segredo, segundo ela, está en coidalas. “Todo precisa dun cariño”. E tamén no emprego de fumigacións naturais, outro tema do que controla moito. “Este ano estou fumigando con ortigas. Con purín de ortigas! Apesta, pero se viras o que medran as cousas... Tes que poñer un quilo de ortigas moi cortadiñas en 5 litros de auga, deixalo macerar dúas semanas, e logo gardalo en tarros de cristal. Ese purín dura intacto ano e medio, ten moito aguante. O ano pasado fumiguei con vinagre, tamén vai moi ben. Cada ano quero probar cousas novas... E os vídeos de fumigar teñen moita saída, eh!”. 

AS MULLERES QUE NAMORARON A SOY UNA PRINGADA

Quen non se deixa namorar por estas mulleres tan auténticas? Ata a youtuber vasca Soy una pringada se fixo amiga delas aquela noite en que se coñeceron no Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais do concello de Carballo, no 2017. Mesmo foron xuntas de festa. Así o conta Cruz:

- A La Pringada, a vasca, coñecémola en Carballo. A vasca o galego non o entendía nin moito nin pouco, pero os nosos vídeos víraos, porque nos dixo: ‘el premio es para vosotras, porque es un vídeo que es una pasada!’. E despois resulta que cando nos nomearon deunos un abrazo que eu pensei: ‘Que nos vai explotar esta tía!’. (...) A Pringada ía tocar despois na discoteca. Ai, mimadre! Fomos para a festa con ela. Ela pasouno en grande con nosoutras, porque o que menos pensaba era que nosoutras iamos bailar, e ela é tan esaxerada, pintada e todo!, é esaxeradísima, bueno, bueno... O que ela aplaudeu! Non se imaxinaba, muller, que nosoutras tamén eramos festeiras!

“INTERNET FÍXOME VER QUE VALÍA PARA ALGO”

O máis importante é o que Cruz medrou como persoa dende que abriu aquelas primeiras xanelas do seu ordenador.

- A Internet ensinoume outra realidade diferente, conectoume co mundo e aprendeume cousas que non sabía nin que existían. Fíxome ver que valía para algo. E creo que ás compañeiras lles pasou algo polo estilo. Pensas que non vales para facer nada... E levamos os premios todos! Carballo Interplay, Youtubeir@s... Chavales que te abrazan... Todo iso faite sentir ben. Ata me vexo xoven. Teño unha mentalidade coma unha de 35.

Cruz Piñón no seu galiñeiro
Cruz Piñón no seu galiñeiro | Fonte: Xisela Franco
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta