Artigos de X.A. Pérez-Lema

O conto da unidade de mercado

De certo que moitas persoas ficarían pampas diante da adxudicación dos postos do polbo de San Froilán de Lugo a un “chiringuito financeiro” madrileño, sen experiencia hostaleira ningunha. Máis graves foron as adxudicacións dos servizos de comedores escolares a empresas andaluzas que non cumprían os mínimos níveis de calidade e fornecían xantares propios do Sur peninsular, desaquelados a respecto dos nosos costumes e necesidades. Por outra banda, son continuas as queixas a respecto da calidade e axeitamento da comida no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, cando a alimentación dos doentes hospitalarios é parte do propio tratamento médico.

Cultura de coalición

Os sistemas parlamentarios baseados nalgunha caste de proporcionalidade non coñecen as maiorías absolutas. A Europa máis adiantada (Escandinavia, Holanda, Bélxica, Alemaña, Austria) é un bó exemplo disto. Nestes sistemas xurídico-políticos (os máis avanzados e inclusivos) o voto produce unha gobernanza plural, a medio de coalicións poselectorais de goberno. Afastan, deste xeito, o risco dos abusos propios das maiorías absolutas (que tan ben coñecemos na Galicia con Fraga, Feijóo e Paco Vázquez ou no Estado español con Felipe González, Aznar ou Rajoy) e obrigan aos seus axentes políticos a negociar, renunciando e pactando todos, na procura de programas de goberno de ampla base e aceptación cidadá.

O xogo de Podemos Galicia

Os bos resultados dos candidatos de Podemos Galicia nas primarias do partido En Marea nas circunscricións coruñesa e pontevedresa non poden agachar o curtopracismo e esterilidade da reacción podemita, motivada pola incomodidade xerada en amplos sectores de Podemos Galicia pola renuncia de Pablo Iglesias á coalición ( aceptando diluirse na Maré) e coordinada por un Echenique que demostra día a día a súa incapacidade para tender pontes e suturar feridas.

A independencia da Marea

Neste país pasou nestes últimos días algo notábel e non por acaso persoas documentadas do nível do xornalista de La Vanguardia, Enric Juliana, veñen de salientalo. En Marea definiu unha estratexia aquelada, que xurde da oportunidade do tempo político, mais tamén dunha acertada selección de candidato e da incorporación de centos de persoas vinculadas ao galeguismo e a distintas experiencias municipalistas. Das resultas deste proceso, Podemos aceptou, canda EU, o principio de autoorganización que se viña reclamando dende sectores moi plurais dende hai un ano. Deste xeito, En Marea afortala a súa independencia e alarga o seu espazo político cara o amplo centro-esquerda dende unha visión de País.

A alternativa plural

Núñez Feijóo é campión de dúas modalidades políticas: facerlle oposición á oposición e botarlle a culpa aos demáis (antes era aos sanitarios da situación da sanidade, agora é aos concellos da situación dos socorristas nas praias e do mal estado dos Camiños de Santiago). O presidente repenica unha e outra vez a súa ladaíña: compre votarmos a estabilidade do PP, afastándonos deste xeito dos previsíbeis desastres dun tripartito ou cuadripartito, seica dirixido polas “Mareas de Podemos”. Se os mareantes buscan a alianza con Podemos mal porque manda o do chicho. Se afortalan (coma arestora) a autonomía do seu proxecto e do seu discurso mal tamén porque “nin se entenden entre eles”.

Podemos na Marea?

A recente Marea Constituínte marcou un fito moi importante no desenvolvemento desta alternativa política. A achega de alcaldes e alcaldesas varios, de centos de galeguistas con experiencia de xestión local e autonómica e de forzas municipalistas máis ou menos xurdidas á marxe de Podemos densifica a resultante e achega a nova alternativa á tradición galeguista e ao coñecemento, afastándoa dun certo adanismo presente aínda nalgúns acenos e discursos. O percorrido dende maio do 2015, abríndose a sectores en principio refractarios, cando non conscientemente apartados, favorece construir un discurso e unha ferramenta galegas e permite albiscar a posibilidade dun programa de goberno ás galegas ilusionante, transformador e realista. Con moitas dúbidas, porque parte dos problemas deste novo espazo político fican aínda sen resolver. Mais hoxe a Maré é máis potente e máis galega ca onte e ten máis posibilidades de conectar con sectores até de agora pouco interpelados polo seu discurso.

Incapacidades das esquerdas españolas

Dicía Josep Plà que o máis semellante que había a un español de dereitas era un español de esquerdas. Porque partillaban doutrinas dogmáticas e impermeábeis, refractarias á negociación e unha idea de España unitaria, que percebía a plurinacionalidade como realidade que cumpría superar, cando non coma inimiga. Os anos decorridos non teñen mudado substancialmente as posicións políticas. As esquerdas españolas ben puideron achegarse á realidade plurinacional do Estado con sinceridade e mesmo aprezar no autogoberno das nacionalidades a chave que servise de ferramenta para construir unha sociedade máis xusta, próspera e inclusiva. Mais mercáronlle o discurso territorial á dereita, sen entender que a democracia na España só se pode construir sobre o respecto á liberdade das distintas nacións.

A ineficacia do Estado de excepción

Dende novembro do 2015 Francia vive nun estado de excepción que limita substancialmente as liberdades democráticas, nomeadamente permtindo que a Policía poida deter persoas sen orde xudicial. Pois ben, estas graves restricións á liberdade non evitaron o masacre de Niza, sinxelamente porque a prevención o que esixía era unha medida proporcionada e natural, que a policía local coruñesa implementa dende hai anos no San Xoán: que non accedesen vehículos non autorizados ao espazo público do paseo marítimo niceano onde milleiros de persoas celebraban a Festa Nacional francesa. Cumpría, dende a eficacia,esa caste de medidas e non as do estado de excepción da Administración Hollande-Valls.
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.