Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2019 | Actualizada ás 19:37
O Parque Nacional das Illas Atlánticas amplía o proxecto que se iniciou o ano pasado para o seguimento remoto do corvo mariño coa "incorporación de dous novos exemplares", informou a Xunta nun comunicado este domingo.
Dous machos pertencentes ás colonias da illa do Faro, no arquipélago das Cíes, equipáronse cun sistema de vixilancia a través duns dispositivos "ultralixeiros" que permitirán controlar as poboacións do corvo en distintas zonas. Así mesmo, apuntaron que Galicia é "pioneira" na aplicación destas tecnoloxías que permiten coñecer a localización exacta a tempo real destes animais.
Segundo o balance provisional do proxecto, o ano pasado recolléronse 4.000 posicións e este ano 7.000, sinalou a Xunta. A distribución destes animais, indica que os corvos "utilizan unha área mariña moi extensa das Rías Baixas". En concreto: Cíes, Ons, Onza, Nerga, Aldán, Sálvora, Ribeira e tamén a Illa de Arousa.
Os datos suxeriron que estas aves poderían estar "a se alimentar fóra do espazo protexido" e que pasarían longas tempadas fóra del, explicaron desde o goberno autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.