O BNG pide a institucionalización do Día da Galiza Mártir o 17 de agosto

A Deputación de Ourense e os concellos de Poio e Pontevedra xa institucionalizaron este día. Os nacionalistas reclaman a creación dos “Premios Galiza Mártir” para recoñecer o traballo das entidades de recuperación da memoria histórica.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/08/2019 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha proposición non de lei para Institucionalizar o 17 de agosto como "Día da Galiza Mártir" para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galiza. Unha iniciativa que xa conta con respaldo institucional pero só na Deputación de Ourense e nos concellos de Poio e Pontevedra.

Debuxos da Guerra de Castelao no álbum Galiza Mártir
Debuxos da Guerra de Castelao no álbum Galiza Mártir | Fonte: Museo de Pontevedra

A conmemoración do día da Galiza Mártir foi instaurada en agosto de 1942 en Buenos Aires polos exiliados políticos, que escolleu o día do asasinato de Alexandre Bóveda para simbolizar nel as arelas dunha “xeración única e irrepetíble ”, así como a devastación do fascismo en Galicia.

O pasado 29 de marzo o PP ourensán, que preside José Luis Baltar, aprobaba nesta institución unha declaración na que institucionalizaba o 17 de agosto como Día da Galicia Mártir. Unha iniciativa que chegaba xusto en plenta ofensiva “españolista” do PP de Casado e que contou cos votos a favor do PSdeG e Democracia Ourensán e a abstención, curiosamente, do Bloque.

Ao longo dos últimos anos, varias entidades demandaron tamén a institucionalización do Día da Galiza Mártir. En 2013, a Fundación Alexandre Bóveda iniciou unha campaña neste sentido que se concretou na presentación dunha Proposición non de lei a través da Comisión de Peticións do parlamento galego.

Pola súa parte, numerosas entidades locais, entre elas o concello de Poio ou o concello de Pontevedra tamén aprobaron acordos plenarios demandando a oficialización da data e a organización de actos encamiñados á rehabilitación pública e política de Alexandre Bóveda e de todas as vítimas galegas da Ditadura franquista.

PREMIOS “GALIZA MÁRTIR”

Agora é esta forza nacionalista a que pide que a Xunta institucionalice este día e cree os Premios da “Galiza Mártir” co obxecto de recoñecer a entidades e persoas con unha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega así como, desenvolver anualmente un programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e perseguidos e asasinados polo franquismo en Galicia.

Ademais, a iniciativa do BNG pide que o Estado promova  as iniciativas necesarias para a rehabilitación de Alexandre Bóveda e a anulación da sentenza que o condenou a morte,  a anulación de todas as sentenzas, e os  expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta