Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/08/2019 | Actualizada ás 13:01
A Fundación Galiza Sempre conmemora o seu vixésimo aniversario dando paso a unha nova etapa na que Francisco Jorquera, ata agora presidente da entidade, pasará a testemuña a Rubén Cela, excandidato do BNG á alcaldía de Santiago e membro da Executiva Nacional da formación.
Entre os eixos fundamentais que predominarán durante este novo camiño na Fundación, a memoria histórica será un dos ámbitos centrais e tanto Jorquera como Cela lembraron este mércores, en rolda de prensa, a publicación da obra 'Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio', un traballo de investigación que foi a base para o proceso xudicial contra a familia Franco para tentar recuperar a titularidade pública o Pazo.
Precisamente por iso, o propio Cela avanzou que están a estudar solicitar "personarse xuridicamente" na denuncia presentada polo Goberno do Estado contra os herdeiros de Franco, que está baseada nese traballo de investigación asinado por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo e editado pola Fundación Galiza Sempre.
"É un ensaio decisivo", insistiu Jorquera, en alusión a esta obra "fundamental" para "desmontar o relato" elaborado ao longo da historia polos partidarios do Franquismo para "enmascar o espolio" emprendido polo ditador co patrimonio cultural galego. O tamén concelleiro do Bloque no Concello da Coruña considerou que "se hai unha posición unánime hoxe" sobre a recuperación de Meirás foi "en gran medida" grazas á documentación e investigación achegada por este traballo, que a Fundación tivo "a honra de divulgar e editar".
É por iso que argumentou que "ferramentas" como esta (a Fundación) son "máis importantes que nunca" nos tempos que corren, posto que se trata dunha entidade con vocación de análise e de reflexión fronte ao "cortopracismo" que rexe na política actual.
"ENORME RESPONSABILIDADE"
Entre os fitos destacados por Jorquera durante a súa etapa, ademais da publicación da investigación sobre Meirás, atópase a consolidación do Festigal, as distintas publicacións, ou os debates sobre o novo modelo de financiamento autonómico.
"Foi unha honra", insistiu, ademais de considerar "un pracer ceder a testemuña" na Presidencia a "un profesor, compañeiro e amigo", Rubén Cela, unha persoa preparada, dinámica e "chea de ideas e enerxía".
O propio Cela asegurou que asumirá este rol "con orgullo e cunha enorme responsabilidade", tanto polo que representan os "20 anos de intenso traballo" cos que conta esta entidade ás súas costas como por tomar a substitución dunha "referencia clave no galeguismo contemporáneo", como é Jorquera.
Así, avanzou que esta "nova etapa" será continuista nos acertos, pero que abrirá unha reflexión sobre "novos ámbitos de actuación" e de estudo.
A pesar diso, os aspectos fundamentais que abordará esta entidade pasarán pola formación e a información fronte á "infantilización da política, continuando co traballo editorial realizado; a reflexión, investigación e o pensamento propio, sobre financiamento ou ordenación territorial, entre outros temas; ou a memoria histórica".
Así mesmo, a Fundación ten previstas unha serie de actuacións para este último trimestre do ano, como un ciclo de conferencias vinculadas sobre o españolismo, accións vinculadas a alternativas á situación actual da sanidade pública e a conmemoración en novembro da súa XX aniversario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.