Por Xosé Glez. | Redondela | 28/04/2012
O Sr. Cerviño Ameixeiras, memoria viva, lembraba como na súa mocidade os nenos e nenas da contorna baixaban á praza da Vila para cantar os maios. Con máis de setenta anos cantou para os rapaces unhas coplas que aprendera da súa nai: “Este é o maio/ maiño é./Este é o maio/que baila de pé./ Eu levéille o maio/a unha costeira/e non tiña que dar/ máis que a punta da tixeira”.
Recuperouse a tradición no 2004. Se daquela foran catro os grupos que acudiran á convocatoria, o ano pasado o número triplicouse. É unha ledicia ver a centos de nenos e nenas acompañados dos seus familiares e profesores enchendo a praza de Leiro. Celso Domínguez, que é un acreditado dinamizador cultural naquelas terras do Avia, voltará a mobilizar á comunidade escolar da comarca do Ribeiro. Nesta tarefa conta coa axuda da Coral Val do Avia, que tamén dirixe, e con Cándido Vázquez da casa de turismo rural dos Ulloa, que noutrora foi moradía de Álvaro das Casas.
Este ano a participación será máis numerosa cá en anos anteriores. Nenos e nenas de Berán, Ribadavia, Santa Cruz de Arrabaldo, Cenlle, San Amaro, Carballeda de Avia, Beade...acudirán con cadanseu maio a escenificar o rexurdir das nosas tradicións, tal e como querían o poeta e ex presidente da Real Academia don Eladio Rodriguez González e o P. Sobreira, erudito beadense, que este ano será estudado nun curso universitario promovido pola Asociación Álvaro das Casas e Universidade de Vigo.
A festa dos maios é unha oportunidade para procurarmos que as novas xeracións teñan querencia polo noso patrimonio cultural e as súas manifestacións populares. As institucións públicas, os movementos sociais e a comunidade escolar deben apoiar esta festa na que o inxenio e a estética van da mesma man. A enxebreza da tradición, que tanto arraigo tivo na comarca do Ribeiro do Avia, debe volver aos seus escenarios naturais – rueiros e prazas- para avivarmos a nosa identidade, sempre ameazada por outras manifestacións culturais alleas.
Neste renacer da nosa conciencia adormecida a festa dos maios é o medio máis eficaz para transmitirlles ás novas xeracións de rapaces a nosa cultura e lingua. Nesta tarefa deberían participar con pequenas achegas os colleiteiros e adegueiros. O viño, as tradicións e a cultura, deben camiñar xuntos. Os beneficios serían recíprocos. A cultura é a base sobre a cal se debe artellar unha sociedade. Procurar nela o espazo común é a mellor maneira de cohesionar a un pobo e optimizar as súas potencialidades. Investir na infancia e na cultura é garantir o éxito para o futuro dunha comarca que ten que deseñar a súa estratexia para fixar poboación e dinamizar as posibilidades económicas do seu territorio.
En Leiro o pasado ten futuro. Esta é a divisa da Asociación Álvaro das Casas para motivar a reconstrución da cultura popular no Ribeiro.