O Colexio de Xornalistas pide "erradicar o sensacionalismo" das informacións sobre violencia machista

O Colexio de Psicoloxía apela á responsabilidade e ao "cumprimento máis escrupuloso do bo xornalismo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia demandou este martes "erradicar o sensacionalismo" das informacións sobre violencia machista. O chamamento chega un día despois do triplo crime de Valga (Pontevedra).

O autor confeso do triplo asasinato da súa exparella, excuñada e exsogra en Valga (Pontevedra), identificado como José Luís Abet Lafuente e alcumado o Mouro, de 45 anos, á súa chegada ao Xulgado de Instrución 2 da localidade pontevedresa de Caldas de Reis
O autor confeso do triplo asasinato da súa exparella, excuñada e exsogra en Valga (Pontevedra), identificado como José Luís Abet Lafuente e alcumado o Mouro, de 45 anos, á súa chegada ao Xulgado de Instrución 2 da localidade pontevedresa de Caldas de Reis | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

A xunta de goberno do Colexio subliña que "se ve obrigada unha vez máis" a lembrar "a necesidade de seguir os mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego", así como a 'Declaración de Compostela' e o resto de recomendacións específicas para o tratamento das informacións sobre violencia machista.

"A violencia machista é un problema social que ten que ser tratado co suficiente rigor e profundidade", sinala, antes de advertir que "o morbo dalgunhas crónicas de sucesos non só non é aceptable nun xornalismo responsable e profesional, senón que, ademais, aisla e descontextualiza estes asasinatos".

Todo iso, agrega, "dificulta a comprensión" da violencia machista como "o que realmente é: unha violación dos dereitos humanos provocada no marco da ideoloxía patriarcal e presente en moitos máis aspectos da nosa sociedade".

"Esta perspectiva e o compromiso activo contra estes delitos teñen que ser os parámetros que marquen o tratamento informativo da violencia machista", advirte.

IMAXES

O Colexio de Xornalistas fai unha "mención especial" ás imaxes que acompañan ás informacións. "Resulta esencial que fotoxornalistas e cámaras de televisión coiden que a recollida de imaxes non atente contra a intimidade e a dignidade das vítimas nin aumente a dor das persoas achegadas", manifesta.

Finalmente, engade que, no caso de que se tomen imaxes inadecuadas, é preciso que, desde a redacción, a edición ou a dirección dos medios "se evite a súa publicación", que "só engadiría aflición" a unha situación "xa de seu dolorosa" e "sensacionalismo" a unha información "onde debe primar a reflexión e a sensibilidade".

COLEXIO DE PSICOLOXÍA

Tamén o Colexio Oficial de Psicoloxía realizou este martes un chamamento á responsabilidade e boas prácticas dos medios, a raíz do crime de Valga.

"Aínda que é comprensible o interese informativo, nunca deben superarse os principios da deontoloxía profesional do xornalismo, xa que se trata dun asunto moi sensible que provoca un sufrimento inmenso nas súas persoas achegadas, que se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade", constata.

Este órgano lembra, ademais, que intervén desde a pasada xornada no lugar cun equipo de profesionais que forman parte do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) e do Programa de Atención Psicolóxica a Vítimas de Violencia de Xénero, ambos os servizos conveniados coa Xunta.

Incide en que é preciso atender ás indicacións dos servizos de emerxencias e pide non recoller imaxes nin declaracións que "atenten contra a intimidade ou a dignidade" das vítimas nin das persoas afectadas, xa que "engaden dor a unha situación que xa de seu é extremadamente dolorosa".

Por último, insta a seguir as recomendacións articuladas xunto co Colexio de Xornalistas e apela ás boas prácticas e ao cumprimento "máis escrupuloso" do "bo xornalismo" co fin de non engadir máis sufrimento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta