Científicos galegos e portugueses datan o baptisterio cristián máis antigo da Península Ibérica

Investigadores das Universidades de Vigo, A Coruña e Coimbra estudaron o xacemento luso de Idanha-a-Velha.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/09/2019 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

Un equipo de investigadores das Universidades de Vigo, A Coruña e Coimbra (Portugal) acaban de publicar na revista 'Archaelogical and Anthropological Sciencies' un estudo no que dataron o baptisterio paleocristiano máis antigo que se coñece na Península Ibérica, e que está no xacemento luso de Idanha-a-Velha.

Baptisterio paleocristiano datado no s.IV por investigadores de Vigo, A Coruña e Coimbra / PEDRO CARVALHO/DUVI
Baptisterio paleocristiano datado no s.IV por investigadores de Vigo, A Coruña e Coimbra / PEDRO CARVALHO/DUVI

Os científicos estudaron dous baptisterios neste xacemento e, grazas a técnicas físico-químicas e arqueolóxicas, puideron situar a data dunha das piscinas bautismais no século IV, cando esa zona do centro do país veciño (na comarca de Castelo Branco, preto da fronteira con Estremadura) estaba integrada no Imperio Romano.

Esta estrutura é a máis antiga da súa clase coñecida na Península Ibérica, e supón "un dos sinais máis antigos e importantes da presenza do cristianismo" no que hoxe é Portugal.

Estes baptisterios eran unha especie de piscina onde se levaba a cabo o sacramento do bautismo por inmersión, e construíanse á beira das primeiras igrexas cristiás. Así, supoñen o precedente das posteriores pilas bautismais, que se estenderon ao longo da Idade Media.+

O xacemento sitúase no lugar de Idanha-a-Velha, un histórico enclave, coñecido polos romanos como Egitania, que chegou ser sede episcopal entre os séculos V e VII (período suevo-visigodo), e cunha importante riqueza patrimonial.

Esta investigación enmárcase nun protocolo entre universidades, o municipio de Idanha-a-Nova (ao que pertence o xacemento) e a dirección rexional de Cultural da rexión centro de Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta