En Marea aposta por unha alianza de forzas progresistas galegas para as Xerais

Iniciará unha rolda de contactos con BNG, Anova e CxG para tentar acadar unha lista conxunta. Aposta tamén por tecer alianzas con outras forzas nacionalistas ou rexionalistas progresistas do estado, entre as que estarían, Más Madrid, de Íñigo Errejón, Compromís, e outras forzas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2019 | Actualizada ás 22:07

Comparte esta noticia

A formación En Marea presentarase ás próximas eleccións xerais do 10 de novembro. Un anuncio que fixo este sábado cun chamamento a todas as forzas políticas progresistas galegas, entre as que están o BNG, Anova e Compromiso por Galicia (CxG), para crear unha "candidatura única" que facilite un goberno de esquerdas e faga fronte ás "principais emerxencias que vive Galicia".Deste xeito, é a primeira forza de ámbito galego que fai esta oferta ao resto de partidos nacionalistas e galeguistas.

Rolda de prensa do portavoz de En Marea, Luís Villares. EN MAREA
Rolda de prensa do portavoz de En Marea, Luís Villares. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Despois da ruptura do partido instrumental En Marea, no que se agrupaban Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova maioritariamente, e co que se presentaron ás eleccións xerais de 2015 e 2016, pero non as xerais deste ano; agora o portavoz do partido En Marea, Luís Villares, apela a crear unha "unha alianza política galega".

A decisión de participar nestes novos comicios responde á "decepción provocada polas dúas forzas políticas responsables de non chegar a un acordo para gobernar, PSOE e Podemos", explicou Villares este sábado.

Desde a súa posición, a agrupación entende que "hai moitas persoas reformulándose o seu voto". Por iso anuncian a súa intención de presentarse como "resposta ao desencanto" dos votantes da esquerda, evitar o "abstencionismo" e contribuír a fomentar a participación electoral da forma máis ilusionante posible". E neste obxectivo queren contar tamén co resto de forzas progresistas galegas.

O seu obxectivo, tal e como suliñou Villares, é "colocar a Galicia na primeira fila do discurso político". "Este é un desexo compartido por outras formacións", dixo. Por este motivo fixo un chamamento a constituír unha forza conxunta que permita configurar "unha papeleta de voto que garanta a representación directa de cidadanía galega nas Cortes do Estado".

COOPERACIÓN CON OUTRAS FORZAS

Ao mesmo tempo, o consello do partido tamén decidiu abrirse a "cooperar con forzas doutros espazos nacionais" para responder o "malestar que provoca" a repetición electoral e tendo como "punto de partida" o carácter "progresista" e as "respectivas axendas políticas nacionais".

Neste sentido, cabe lembrar que En Marea xa se presentou ás eleccións europeas nunha candidatura conxunta na que estaban outros partidos do Estado como Compromís. Esta alianza tamén sería extendible á candidatura de Más Madrid, de Íñigo Errejón, se decide presentarse, así como a outras como a Chunta Aragonesista ou Adelante Andalucía, no caso de que se separe de Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

3 Paco Cock

Que xeito de continuar facendo o ridículo.

2 Desmareado

En Marea á desesperada. Tanto ten coaligarse con nacionalistas galegos como aliarse con Más Madrid, o tema é enganar a alguén para seguir funcionando e tentar chegar medio vivos ás eleccións galegas. Nen coherencia nen honestidade ideolóxica. Que maneira máis indigna de administrar a súa decadencia como partido...

1 Gamela

A proposta de Villares tería sentido únicamente se o BNG aceptara unha lista conxunta (vetada pola UPG) e podería ser interesante se esa lista conxunta BNG EnMarea recuperase como número 1 á unica deputada que fixo o seu traballo e tivo a dignidade de votar a favor de Galicia! E ademáis foi a única que foi consecuente e abandonou a política de sillóns de UnidasPodemos en Madrid. Alexandra Kollontai ¿aceptaría o BNG a esta muller como cabeza de lista para Madrid? http://parte.gal/2019/02/18/o-treme... Preguntemos a Paco Rodríguez e a Beiras a ver se son capaces en pensar no futuro de Galicia !!!