Compromiso por Galicia, tamén a favor dunha coalición entre as forzas galegas

División no seu III Congreso, no que o informe de xestión saíu aprobado polo 52% dos votos. Decidiu eliminar a "socialdemocracia" da súa definición política e pasar a ser "galeguista, progresista e europeísta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Compromiso por Galicia (CxG) celebrou o seu III Congreso este sábado en Santiago, e coincidiu tamén na chamada feita por En Marea a unha gran lista de forzas galegas para as eleccións do 10 de novembro. Por iso, apostou polo "inicio urxente de conversacións" entre os partidos "con centro de decisión en Galicia" para formar "unha candidatura unitaria".

Segundo informa o partido, o encontro deste sábado tivo o obxectivo de aprobar os textos que marcarán a súa acción política para o próximos tres anos, entre 2019 e 2022. De feito, CxG decidiu eliminar a 'socialdemocracia' da súa nova definición política, de modo que se represente "mellor" unha sociedade galega "máis transversal". Agora, a formación defínese como "galeguista, progresista e europeísta".

Juan Carlos Piñeiro, no seu discurso de investidura como secretario xeral de Compromiso por Galicia
Juan Carlos Piñeiro, no seu discurso de investidura como secretario xeral de Compromiso por Galicia | Fonte: CxG.

Neste encontro, a única candidatura presentada, a de Juan Carlos Piñeiro, obtivo o 66% dos votos e o informe de xestión foi aprobado pola mínima, un 52%, o que amosa a división interna que existe nesta formación.

RENOVACIÓN DA EXECUTIVA

Ademais, Compromiso por Galicia renovou a súa Executiva Nacional, que é totalmente paritaria e, tal e como destaca, "representa a territorialidade de Galicia" con membros de diferentes municipios de todas as provincias. Neste sentido, repiten seis dos membros da Executiva e outro oito son novos.

En canto ao seu Consello Nacional, estará composto por 40 persoas: 20 homes e 20 mulleres. Na Secretaría Xeral renova Juan Carlos Piñeiro Docampo, que leva no cargo desde 2017, e decidiuse a desaparición da figura honorífica do presidente do partido. Na clausura deste III Congreso participou tamén a senadora do PNV Almudena Otalola Urquijo, unha mostra de "a relación fraternal" de CxG, segundo valora, coa formación nacionalista vasca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Errejonazo

Estes son galeguistas que publican con faltas de ortografía...jijijjijijijiji.....para rir un pouco ainda valen

1 Viravento

Mágoa ver como esvaece un proxecto que tan ben apuntaba nos seus comezos...