En Marea insiste en que non pide o voto para ningunha forza nas eleccións xerais

Luís Villares denunciou a falta de compromisos da Xunta coa provincia de Lugo nun acto acompañado por membros de Lugonovo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, insistiu este venres que a súa formación non pedirá o voto para ningunha forza política nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro, ás que non concorrerá o partido encabezado polo maxistrado en excedencia.

"Nós deixamos moi claro que non pediremos o voto para ningún partido político. Tomamos esa decisión xa hai un mes e esa decisión non vai cambiar", incidiu Villares en declaracións acompañado por membros de Lugonovo, marca de En Marea na capital lucense.

Sobre un posible achegamento ao BNG, Villares remarcou que En Marea non fai "ningún chamamento a ningún grupo". "Nós somos un espazo político galego e progresista, pero que cada un decida como debe transformar iso nun apoio político", apostilou.

Cuestionado sobre se existe algunha directriz á militancia, o maxistrado aseverou que "por suposto" existe "liberdade de voto" para as bases.

LUGONOVO

Villares compareceu ante os medios este venres xunto a membros de Lugonovo como Cristina Pérez e Víctor Álvarez para denunciar a falta de compromisos da Xunta coa provincia de Lugo nos orzamentos para o ano 2020, que se atopan en tramitación parlamentaria.

Para o portavoz de En Marea, trátase dunhas contas "cutres e sectarias" para Lugo e son "un exemplo do abandono en que Núñez Feijóo e Balseiro (delegado da Xunta en Lugo) do PP someten a cidade e a súa provincia".

"Veñen ser un curta e pega dos anos anteriores e seguimos coas mesmas carencias", indicou a que é portavoz de Lugonovo no concello durante o último mandato, Cristina Pérez.

Villares en Lugo
Villares en Lugo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta