Luís M. García Mañá na súa obra “Couto Mixto, unha república esquecida”, ofrécenos información abonda para coñecermos a oríxe histórica de tan singular territorio mentres estivo vixente o seu estatus xurídico-político. As súas pescudas foron decisivas para reconstruír a súa identidade esvaída polo paso do tempo. Aqueles aconteceres históricos son hoxe rememorados pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, que todos os anos conmemora a existencia dun territorio histórico que os Parlamentos de Europa, Galicia e o Congreso dos Deputados recoñeceron con diversas iniciativas parlamentarias.
Para perpetuar a memoria dun pobo que gozou de privilexios e de independencia respectos dos reinos de Portugual e España ata 1864, a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén celebrando todos os anos un acto que reaviva os sentementos de irmandade das xentes dun e doutro lado da raia. Algo que hoxe ten moito sentido se temos en conta que a Unión Europea tenta construír a chamada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha proposta necesaria para abordar o desenvolvemento soecioeconómico dun macro espazo territorial habitado por sete millóns de persoas.
Nese contexto a Asociación de Amigos do Couto Mixto quere afortalar o discurso europeo-transfronteirizo inzado de prexuízos histórico que veñen de vello e que tollen o proceso de reencotro de dous pobos que están chamados a planificar conxuntamente as súas estratexias para acadar mellores cotas de riqueza e benestar social.
Pero para que isto aconteza cómpre contar con personalidades e institucións que aviven o discurso do reencontro transfronteirizo máis aló da raia. Por iso a Asociación de Amigos do Couto Mixto distingue a eses animadores co nomeamento de “Xuíces Honorarios”. Un galardón que este ano recaeu no músico e gaiteiro universal Carlos Núñez; no profesor de dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé A. Gómez Segade, e nas cámaras municipais de Verín e Chaves por tomaren a decisión de crear unha eurocidade.
O acto terá lugar este próximo sábado, día 30, na igrexa de Santiago de Rubiás, ás 12:00 horas. Din que quen vai un ano, engaiolado pola paisaxe e a liturxia da cerimonia, volve sempre.