Por Raúl Novoa | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 13:29
A Audiencia Nacional pide 102 anos de prisión a 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar, organizacións do movemento independentista galego. Tamén solicita a disolución das organizacións independentistas.
Esta petición xorde do proceso iniciado en 2015 cando foron detidos 9 militantes de Causa Galiza acusados de "enaltecimiento á banda armada Resistencia Galega" e de ser "o brazo político" da suposta organización armada. Os independentistas foron postos en liberdade días despois.
Neste documento, ao que tico acceso Galicia Confidencial, pídense penas de entre 4 e 12 anos para os 12 independentistas acusados por "pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo". Ademais, na solicitude acusan a Ceivar de "usar as súas estructuras" para "apoiar e homenaxear aos presos de Resistencia Galega".
Tamén sorprende que entre as acusacións contra os militantes independentistas, se inclúan os da "conmemoración de diferentes efemérides radicais" do nacionalismo galego coma "O Día da Galiza combatente, o Día da Patria Galega ou o Día Internacional dos Presos Políticos". Eventos que tamén celebran outras organizacións nacionalistas galegas coma o BNG, Anova ou En Marea e confederais como Unidas Podemos.
No seu comunicado, Causa Galiza valora a solicitude coma un "alto nivel de represión a organizacións políticas cuxa praxe política se encadra dentro da legalidade". Asegura que a "solidariedade, a denuncia e a superación dos cálculos estreitos por parte dos axentes políticos, sociais e sindicais da nación galega" son "imprescindibles", xa que aspiran a acadar sectores sociais e políticos "máis alá do independentismo galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.