Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2019 | Actualizada ás 19:20
Os orzamentos da Xunta para o ano que vén seguen a súa tramitación no Parlamento galego despois de quedar rexeitadas polo voto contrario do PPdeG todas as emendas que presentaron os grupos da oposición na Cámara.
De acordo co calendario de tramitación da lei, a comisión de economía será convocada a finais de novembro para a elaboración do ditame, coa vista posta en que o debate final se celebre nun pleno o próximo 17 de decembro.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reivindicou este luns que Galicia volve ser das primeiras en tramitar as súas contas, co que terá unha capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros en 2020, un 3% máis.
Trátase, segundo destacou, do quinto orzamento "expansivo" que presenta a Xunta de forma consecutiva, con máis recursos pero "prudente" para presentar o caso galego como "antídoto ao bloqueo estatal".
Ademais, fixo fincapé en que "o primeiro" que fará o Goberno de Alberto Núñez Feijóo cando se constitúa o novo Executivo central será pedir o pago "íntegro" dos 700 millóns que reclama a Xunta, procedentes das entregas a conta, o IVE e o cumprimento da normativa fiscal.
Respecto diso, na súa primeira intervención, o titular de Facenda criticou que polo momento Galicia recibiu "tan só" 60 destes 700 millóns.
Á primeira hora da tarde foron rexeitadas todas as emendas do grupo un, referidas a a devolución global e de orzamentos de seccións ou axentes xestores de gasto, mentres que ben avanzada xa a xornada foron votadas e tamén tombadas as do grupo dous, que modifican contías e transfiren créditos entre seccións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.