Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 20:51
En Marea presentou unha proposición non de lei na que expoñen que o Parlamento declare Galicia como país en risco de emerxencia climática, así como que se configure un plan para apostar pola revitalización do medio rural e as enerxías renovables como vías para combater o cambio climático.
O deputado Davide Rodríguez foi o encargado de defender a iniciativa durante a sesión plenaria que na tarde deste martes tivo lugar na Cámara galega. Alí, alertou de que "o ritmo actual non é suficiente para evitar a afección nas décadas futuras", polo que chamou a "ser moito máis ambiciosos" no combate do cambio climático "do que hoxe o está sendo o executivo de Feijóo".
"Se non pomos a bandeira de loita contra o cambio climático en todas as políticas, imos traizoar non só a nós mesmos, senón aos mozos que están nas rúas pedindo que non se lles quite o seu futuro", incidiu Rodríguez.
Pola súa banda, o deputado popular Gonzalo Trenor lembrou aos grupos da oposición —que avanzaron o seu apoio á iniciativa do mixto— que "hai dous meses votaron en contra" dunha proposta do PP na mesma liña.
Ademais, defendeu o traballo neste ámbito da Administración galega, que prepara unha estratexia "centrada en Galicia, transversal e con obxectivos" para facer fronte o cambio climático a través de catro ámbitos: redución de emisións, innovación, impacto sobre a sociedade e sensibilización.
O Grupo Socialista, que presentou dúas emendas de adición á proposición que piden un plan de descarbonización e unha estratexia de I+D+i, alertaron que "calquera alternativa sobre cambio climático é pouco ambiciosa" porque se vai "por detrás" e "só se poderán mitigar" os seus efectos, segundo indicou a deputada Patricia Vilán.
O parlamentario de Común da Esquerda Marcos Cal lamentou que as "décadas de negacionismo" derivasen na situación actual, "aínda que se fose polo PP seguiriamos con este modelo neoliberal que depreda o territorio e os recursos".
"É o capitalismo, estúpidos", aseverou o deputado do BNG Luís Bará na súa intervención, na que se referiu a a celebración do Cume do Clima que ten lugar estes días en Madrid e que, para o do BNG, constitúe "unha operación de cosmética na que os principais responsables da crise do clima se queren facer pasar polos salvadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.