Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/12/2019 | Actualizada ás 21:55
Por que se están concentrando no hospital de Ourense os servizos de asistencia aos partos dos hospitais comarcais?
Pese o díficil desta decisión en termos emocionais, a Dirección da Área Sanitaria de Ourense,Verín e O Barco de Valdeorras decidíu priorizar a seguridade das nais e dos seus fillos. Isto faino atendendo aos informes técnicos dos Servizos de Pediatría e Xinecoloxía, en sintonía coa totalidade de Sociedades Científicas de Obstetricia, Pediatría e de Atención Neonatal. Todas elas alertan sobre o aumento dos riscos ante un reducido número de partos atendidos. A centralización no Hospital Universitario de Ourense dos partos do Hospital Comarcal de Verín é unha decisión técnica de calidade e seguridade asistencial, en liña coa postura dos Servizos de Pediatría e Xinecoloxía e Obstetricia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Ademais, contamos co consenso das sociedades científicas que avalan esta decisión debido á redución do número de partos atendidos en Verín. A decisión foi apoiada publicamente pola totalidade de especialistas de pediatría e xinecoloxía do Hospital Universitario de Ourense, e que son corenta e catro profesionais que defenden esta decisión.
-Cales son os datos que ofrecen eses informes que menciona?
A evolución da natalidade no Distrito Sanitario de Verín vén demostrando unha redución sorprendente. Hai dez anos o centro de Verín rexistraba 147 partos anuais, e isto foise reducindo progresivamente ata caer por debaixo dos 100. En 2018 só houbo 89 nacementos, e este ano estariamos en 60, un parto por semana. Existe un consenso entre sociedades científicas e profesionais da saúda, tanto aquí como a nivel internacional, que estima entre 400 e 600 partos mínimo por ano para garantir unha atención segura. A cuestión é garantir unha atención segura e minimizar riscos para o neonato e nai. Isto non é aconsellable para aquelas áreas que por tempo de desprazamento ou accesibilidade non ofrezan eses termos de seguridade recomendados.
Contamos co consenso das sociedades científicas que avalan esta decisión debido á redución do número de partos atendidos en Verín
-Non obstante, ao Hospital de Verín mesmo acoden nais doutras comarcas para parir.
Insisto, esta medida ten por único obxectivo garantir a seguridade e a calidade da atención das nais e neonatos desta comarca. Non nego que a área conta con axeitadas vías de conexión para uns tempos que permiten dar prioridade á seguridade. Ademais, mantense no Hospital de Verín a maioría da actividade asistencial xineco-obstétrica como é o seguemento do embarazo, probas e controis xestacionais e atención pre e postparto. Cunha reducción do 25% desde 2010, actualmente no Distrito Sanitario de Verín viven 4.453 mulleres en idade fértil. O 8% das mulleres en idade fértil de toda a provincia de Ourense. Delas, case o 70% viven na capital da comarca, e consideramos que están ben comunicadas con Ourense para ser atendidas con todas as garantías cun equipo neonatal completo, ademais de facelo nun centro sanitario que dispón dunha UCI Neonatal e persoal afeito a facer fronte a todo tipo de incidencias que podan xurdir. De feito, as ourensás de toda a provincia con embarazo de alto risco veñen sendo atendidas no Hospital Universitario de Ourense desde hai máis de vinte anos, cando se creou a Unidade de Embarazo de Alto Risco, e non se rexistraron incidencias ata o de agora. Por tanto, non hai criterio algún que faga pensar que a atención dos embarazos de baixo risco en Ourense non sexa o mais axeitado.
-Fontes profesionais do hospital de Verín din que desde a xubilación do último pediatra residente na localidade, esta praza está cuberta por persoal que debe desprazarse desde Ourense, e que moitas veces só hai un profesional. Que responde a isto?
A atención ao parto require da presencia e a localización continuada os 365 días do ano, dun equipo multidisciplinar formado por especialistas en xinecoloxía, pediatría, anestesia e enfermaría obstétrica. O Hospital de Verín dispón de 3 xinecólogos, 5 matronas e anestesistas de garda permanentemente localizados. Desde 2007 non hai pediatra vinculado ao hospital. A partir dese ano para dar cobertura a esta actividade, contábase coa partipación dentro da garda cun pediatra de atención primaria, outro de Vigo e puntualmente, persoal do Hospital Universitario de Ourense. Os dous primeiros deixaron de asumir as gardas polo que na procura de mellorar esta situación, o pasado mes de xuño convocáronse dúas prazas de pediatras con carácter interino que quedaron desertas.
Non hai criterio algún que faga pensar que a atención dos embarazos de baixo risco en Ourense non sexa o mais axeitado
-En caso de necesidade urxente de pediatra en Verín, e en caso de que este non estea na localidade, como se solventaría unha emerxencia pediátrica?
No hospital de Verín nunca houbo urxencias “pediátricas” á parte do Servizo de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC). Non hai ningún cambio na atención pediátrica do distrito Sanitario de Verín, que continuará prestándose como ata agora. Por tanto, os 2.136 nenos de 0 a 14 anos do Distrito de Verín continuarán sendo atendidos nos Centros de Saúde, coma sempre. Verín conta con 3 pediatras, con 712 nenos por pediatra, unha das mellores ratios de Galicia en relación médico-paciente, e teñen de referencia, coma sempre, para a atención hospitalaria ao Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense. O Hospital de Verín non ten, nin tivo, pediatras para atención de consultas ou urxencias. Para a atención dos neonatos contaba cunha garda localizada de pediatría, destinada unicamente á atender o parto e aos recén nados, sen relación co servizo de urxencias.
-Como se atenden entón as urxencias para nenos?
As urxencias de nenos en idade infantil aténdense desde as distintas unidades de Pediatría dos Centros de Saúde, de luns a venres e, fins de semana e festivos, no Punto de Atención Continuada de Verín. Ademais, a atención tamén está dirixida aos veciños de A Gudiña e A Mezquita, na Zona Especial de Garda. Xunto a isto, tamén os 365 días do ano no Servizo de Urxencias do Hospital de Verín, sempre co apoio e coordinación do 061, ou directamente no Servizo de Urxencias Pediátricas da Área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
No hospital de Verín nunca houbo urxencias “pediátricas” á parte do Servizo de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC)
-Á parte de pediatría e nacemento, as mesmas fontes aseguran que falta atención especializada en anestesia, se isto é certo, como se solventa esta cuestión?
O Hospital de Verín é un centro con actividade cirúrxica tanto programada como urxente, polo que como comprenderá conta coa indispensable participación dun especialista en Anestesia. Este servizo conta cunha garda localizada para atender calquera intervención urxente e que ata o de agora era avisado para poder ofertar anestesia epidural no parto.
O pasado mes de xuño convocáronse dúas prazas de pediatras con carácter interino que quedaron desertas
-En resume, existe algún tipo de planificación específica para a Área Sanitaria de Ourense que implique a centralización de servizos na cidade e a desviación a centros concertados e privados?
Esta medida non ten relación algunha cunha estratexia economicista o de redución da carteira de servizos, nin moito menos cunha suposta "precariedade" nos sistemas de contratación. Aínda máis, teñamos en conta que cun parto ao mes, o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Verín está composto por tres xinecólogos, con praza en propiedade, e cinco matronas, dúas fixas e tres interinas que se manterán en número e condicións de traballo. E cando para a cobertura das dúas prazas de pediatras se ofertou a mellor modalidade contractual que se pode ofertar na pública, unha "interinidade" ou contrato indefinido, pois aínda así ningún pediatra se presentou. Hai que ter en conta que actualmente existe un claro desequilibrio entre a demanda e a oferta desta especialidade, con paro cero en todo o Estado. Hai que subliñar que, salvo o acto en si do parto, xinecólgos e matronas continuarán atendendo as necesidades asistenciais no embarazo ás mulleres de Monterrei, controis xestacionais, probas, consultas e prepración pre e postarto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.