A Xunta levanta a prohibición de plantar pataca en nove concellos afectados pola couza guatemalteca

A medida beneficiará os agricultores dos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, así como os dos municipios lucenses de Ourol e Abadín.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a resolución que levanta a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca.

As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan
As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan | Fonte: lapatata.es

A medida faise efectiva despois do acordo conseguido en Madrid entre o director xeral de Gandaría, José Balseiros, e o director xeral de Sanidade da Produción Agraria, Valentín Almansa.

O levantamento da prohibición de plantar pataca beneficiará os agricultores dos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, así como os dos municipios lucenses de Ourol e Abadín.

A resolución deixa de considerar estas localidades zonas infestadas pola couza, ao non rexistrar ningunha captura nos dous últimos anos, e pasa a englobalas na demarcada como zona tapón. Isto supón que se lles permitirá plantar pataca pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación.

Por outra banda, a resolución que publica o DOG exclúe da zona tapón toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia da Coruña, e dos municipios de Xermade e Vilalba, na provincia de Lugo. Desta forma, adquiren o status de zona libre de couza e deixan de estar sometidos a control por parte da consellería.

Por último, a resolución especifica as parroquias e concellos das provincias da Coruña e Lugo que seguen incluídos na denominada zona tapón. Tamén concreta os municipios que continúan infestados pola couza guatemalteca, onde se mantén a expresa prohibición do cultivo de pataca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta