Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2020 | Actualizada ás 17:02
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, dirixiuse ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para avisalo de que a lealdade "é autocumprimento" e "non esixir": "Eu voume centrar no AVE e pídolle a el que cumpra coa educación e a sanidade. Que cumpra co paridoiro de Verín e aí terá lealdade".
Despois de que Feijóo criticase este venres os "incomprensibles malabarismos" do Goberno central coas datas da alta velocidade, Ábalos reiterou este sábado, durante o Comité Nacional do PSdeG celebrado en Santiago, que o seu departamento "segue traballando para o 2021". "Cremos que, salvo algún imprevisto, iso é posible a base de insistir, a base de non cesar na teima", remarcou.
"Desde que asumín a carteira este AVE preocupoume e ocupoume e tivo moito que ver o feito de que designase presidenta de Adif a unha galega (Isabel Pardo de Vera). Pensei que unha galega tería máis interese en terminar esta obra e creo que traballamos nesa dirección", reafirmou.
No entanto, evidenciou que "isto son obras" e que "efectivamente ás veces hai incidencias". A iso sumou o ministro "as probas de seguridade, algo no que hai que estenderse moito en Galicia", porque "frivolizar coa seguridade" nesta Comunidade, tras experiencias como o accidente do Alvia en Santiago o 24 de xullo do 2013, é "un atrevemento".
Así, tras reiterar que o tramo entre Zamora e Pedralba está "a un trimestre" de finalizar as probas de seguridade, que están a ir "marabillosamente ben", Ábalos confirmou que traballan para que o AVE estea dispoñible na Comunidade para o 2021, a pesar de que a Comisión Europea apuntase esta semana que o límite era xaneiro do 2022.
"LEALDADE É AUTOCUMPRIMENTO"
Despois de remarcar o seu "compromiso", advertiu a Feijóo que "lealdade é autocumprimento, non esixir ao outro". "Ser leal non é estar todos os días que nós fracasemos no noso calendario", afeou.
Neste contexto, lembrou que esta mesma semana o Tribunal de Contas detectou irregularidades nas obras da alta velocidade: "Dous terzos dos contratos paráronse ou se retardaron gobernando os seus colegas (coa popular Ana Pastor no Ministerio)". Por iso, pediu a Feijóo "un pouquiño de comprensión".
Ademais, Ábalos cifrou en 500 millóns o custo de indemnización pola paralización desas obras, un diñeiro que se podería utilizar "para outras cousas".
AP-9 E PEAXES
O ministro de Transportes advertiu que a actitude do PP é "igual" coa AP-9. Neste sentido, lembrou que foi José María Aznar o que "prorrogou" a concesión a Audasa ata 2048 mentres o actual Executivo de Pedro Sánchez "é o primeiro da historia de España que non prorroga unha concesión nin a volve licitar".
"Pero parece que eles o deixan así e agora o mandato é que nós o arranxemos. Pero a pesar diso ímolo a arranxar", comprometeu, á vez que se mostrou "moi disposto" a transferir a titularidade da Autoestrada do Atlántico á Xunta. "Pero ollo, con responsabilidade" e con "lealdade", engadiu.
Todo iso farao Ábalos "centrado no traballo" desde o Ministerio de Transportes, tal e como garantiu. Con todo, insistiu na necesidade de que "o cambio chegue a Galicia" da man do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen pugnará pola Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas previstas para outono.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.