A Xunta insiste en que tivo que pechar o paridoiro de Verín por "falta de pediatras"

"É un problema común en toda España", asegura o conselleiro de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O vindeiro luns, día 3 de febreiro, reabrirá o servizo de paridoiro do Hospital Comarcal de Verín, un centro que tamén contará, "por primeira vez desde 2006, con servizo de pediatría", segundo anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento de Galicia.

O titular de Sanidade deu esta data durante a súa resposta a unha interpelación formulada pola deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, quen enmarcou o peche na concepción do Goberno galego de que "todo o que sexan servizos cunha reducida frecuentación, como a Atención Primaria do rural, é un gasto".

"Esperemos que o paridoiro de Verín non sexa a antesala de máis recortes no rural", manifestou a parlamentaria de Común da Esquerda, que asegurou que este peche se produciu despois da eliminación doutras unidades no centro como os servizos paliativos.

En fronte, Vázquez Almuiña subliñou que a "escaseza de pediatras" é un "problema común en toda España" que motiva a existencia de "dificultade" na contratación de pediatras substitutos" xa que "non hai profesionais en paro nesta especialidade".

Así mesmo, tras anunciar a habilitación do servizo de pediatría neste centro, sostivo que Verín carece deste desde 2006, tras desaparecer "na época do bipartito", polo que "contou sempre cunha garda localizada de pediatras para atender os partos". "Os 2.136 nenos en idade pediátrica do distrito de Verín estiveron atendidos, como sempre, nos centros de saúde" e na PAC.

Esta "escaseza de persoal" foi replicada por Eva Solla, que a vinculou á "falta de planificación" do Executivo galego durante a última década. Ademais, a deputada criticou a intención de Sanidade de implementar un "consentimento reforzado" para partos en Verín coma se se tratase dunha nova especie de "pin parental".

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.. EUROPA PRESS - Arquivo
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta