Dito isto, unha vez máis temos que referinos a unha observación preocupante: só unha de cada mil lápidas están escritas en galego; e unicamente dúas de cada cen esquelas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma; un punto menos que hai cinco anos. Ao lelas, pola idade e orixe xeográfica, non é dificil adiviñar o idioma que tivo o defunto en vida. Sen embargo, velaí está a incongruencia: despois do falecemento, nada máis traspasar a porta do cemiterio, a súa memoria perpeturase nun idioma distinto.
Este feito debéranos preocupar aos que defendemos dunha maneira ou outra o noso patrimonio cultural, indivudal ou colectivamente. Institucións públicas, partidos políticos, sindicatos, asociacións culturais ou veciñais, grupos folclóricos que cultivan a nosa tradicións musical,etc. que a cotío manifestan a súa galeguidade, deberan poñer cabo a esta anomalia organizando actos para restaurar a memoria lingüística daqueles asociados xa falecidos. O 1º de novembro é unha oportunidade para poñer remedio a esta distorsionada visión da historia social que ofrecen os cemiterios.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en estreita colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística vén convocando anualmente actos en distintos concellos do País con esa finalidade: colocando unha placa na porta dos cemiterios en homenaxe aos que están alí soterrados “porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; substituindo unha lápida en castelán por outra en galego, sempre en colaboración cos herdeiros, e convocando un acto público para a sinatura dunha acta de vontades individuais que recolla os desexos de compormiso dirixidos aos seus sucesores para a que a lingua continúea na transmisión xeracional e que chegado o día do pasamento estes o lembren sempre en lingua galega.
É prolífica a realación de actos celebrados con estas pretensións. En todos eles os veciños das parroquias teñen participado con entusiasmo e emoción. A pedagoxía social impartida está a demostrar que é doado mudar os hábitos lingüísticos. Por iso facemos un chamamento para que se prodiguen estas convocatoria en todas as parroquias galegas. Amigo ou amiga lectora, se ten interese en coñecer o alcance desta proposta, non ten máis que visionar un documental moi espallada polas redes sociais en www.galeguizargalicia.tv