GC Aberto

Da arte e dos artistas

O artista se se caracteriza por algo é por representar no exterior o que ten no seu interior. Pero non para embelecer o mundo, senón cun obxectivo de cambio e progreso social ou, como mínimo, para remover conciencias. O verdadeiro artista é un visionario, un profeta, non un artesán cuxa principal cualidade é dominar mellor que ninguén unha técnica.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 25/03/2020

Comparte esta noticia

Non resulta doado especificar, na actualidade, que é ou non é unha obra artística nin quen é ou non é artista. Para realizar unha aproximación a este problema hai que ter presente que a definición de arte non está ancorada no tempo, en tanto en canto varía cas épocas históricas e cas culturas.

Cadros nun museo
Cadros nun museo

Poñerei un sinxelo exemplo: ¿É necesario que as creacións artísticas sexan belas; atractivas dende o punto de vista estético? Polo que sabemos da historia da arte pódese afirmar que non. Lembremos o que aconteceu co impresionismo, co cubismo, ou co surrealismo, que cando xurdiron á xente parecéronlle repulsivos. 

Na miña opinión, que unha obra sexa arte non depende da súa beleza. O fundamental é que exprese unha idea e teña unha intención. É por esta razón que entendo que personaxes como Michelangelo Buonarroti ou Diego Velázquez poderían non ser conceptuados como artistas. Porque cando o que fai o creador é representar exteriormente o que xa está no exterior, xorden moitas dúbidas acerca da súa arte. Isto ocorre con cadros como «Las Meninas» e con esculturas como o «David», obras que reproducen realidades previamente existentes. No século XXI, autores con estas características máis que artistas deben ser considerados artesáns.

O artista, se se caracteriza por algo, é por representar no exterior o que ten no seu interior. Pero non para embelecer o mundo, senón cun obxectivo de cambio e progreso social ou, como mínimo, para remover conciencias. O verdadeiro artista é un visionario, un profeta, non un artesán cuxa principal cualidade é dominar mellor que ninguén unha técnica.

Dende esta perspectiva, tampouco o chamado «graffiti hip hop» ou graffiti americano, coas súas extravagantes formas, as súas rechamantes cores e os seus degradados, pero sen mensaxe ningún, pode terse por arte: a súa finalidade é tan só estética e autoidentitaria. Pola contra, a tradicional pintada europea si pode estimarse como unha práctica artística.

Analicemos dous graffitis da década de 1980: 1) «Madre: ¿A submisión é hereditaria?» e 2) «As eleccións serven para cambiar de amo, non para deixar de ser escravos». Ámbolos dous, resulta evidente, transmiten unha idea e manifestan unha intención. Son, polo tanto, obras de arte.

Agora ben, se tomamos estes graffitis, orixinalmente escritos nunha parede, e os imprimimos en camisetas que poñemos á venda, entón xa non estaremos diante de pezas artísticas: cando unha obra se incorpora ao mercado deixa de ser arte e transfórmase en mercadoría. A verdadeira creación artística non é apta para ser vendida nin para ser comprada; en terminoloxía marxista diriamos que carece de valor de uso e de valor de cambio.

Esta concepción lévanos a considerar unha obra de arte soberbia a crucifixión de Cristo. Estou a referirme á crucifixión orixinal, «in situ», se é que existiu. Porque toda manifestación artística ten que ser sempre auténtica. Que acontece, en tal suposto, cas reproducións da arte relixiosa? O que acontece é que son meras copias; en consecuencia, dende o punto de vista artístico, carecen de valor.

Profundando nesta mesma formulación, é preciso destacar un feito aínda máis reflexivo. Cando tiveron lugar os atentados das Torres Xemelgas de Nova York, o 11 de setembro do ano 2001, o músico alemán Karlheinz Stockhausen, falecido en 2007, declarou que esa acción foi a maior obra de arte da historia da humanidade. Se aceptamos esta premisa, entón haberá que recoñecer que Osama ben Laden non foi un gran terrorista, senón un gran artista.

Por que motivo traio a colación estes exemplos? Sírvome deles para mostrar o complicado que resulta determinar que é unha obra de arte e que deixa de selo; así como quen pode ser tido ou non por artista. E é que neste tema inflúen numerosas variábeis nas que debemos reparar, entre as cales destacan as históricas, as culturais e as económicas; pero tamén, e quizais por riba de todas elas, as político-ideolóxicas (o lector interesado en visualizar estas conclusións acharaas no vídeo dispoñíbel en: https://www.youtube.com/watch?v=Ggaij7cQHMk).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta