Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 11:23
O envellecemento de Galicia acentúase ano tras ano na estrutura de poboación. De tal forma, os maiores de 65 anos xa supoñen o 25,2% da poboación (máis de tres puntos que hai unha década).
Así figura na estatística de indicadores demográficos publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), na que se recolle que a idade de maternidade atrásase ata case os 33 anos, mentres que a de paternidade supera os 35 anos.
Ademais, a idade media en Galicia non deixa de subir e xa alcanza os 47,24 anos, o que supón dous anos e medio máis que en 2009. Na estrutura de poboación, as persoas entre 20 e 64 anos perden peso e quedan no 58,92%, tres puntos menos que unha década antes.
De tal forma, en Galicia dáse unha situación pola que de cada 100 menores de 20 anos, contabilízanse máis de 158 persoas maiores dos 64 anos, segundo datos do IGE. A esperanza de vida está en 83,34 anos (80,18 anos en homes e 86,40 en mulleres).
Desde 2011 diminúe a poboación galega, nun decrecimiento que vai acompañado da diminución do peso relativo respecto da poboación total de España. Agora só representa o 5,75% do total do Estado, cando en 2009 era o 5,99%. Por provincias, Lugo (12,20%) e Ourense (11,40%) perden representatividade na Comunidade galega mentres A Coruña (41,55%) e Pontevedra (34,85%) aumentan o seu peso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.