Todos os membros do Goberno doarán o 30% da súa nómina á loita contra o coronavirus

Os deputados que quedan na Cámara galega báixanse ou piden reducir o seu soldo pola crise da Covid-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2020 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros que constitúen o seu Executivo doarán o 30 por cento da nómina de abril á loita contra a COVID-19. Así o informou a Xunta a través da rede social Twitter, nunha entrada da que se fixo eco o propio Feijóo —cuxo salario anual supera os 83.000 euros, segundo o portal de transparencia autonómico— no seu perfil.

Feijóo incide en que, "máis aló desta achega económica que non é determinante", o que el e o resto de membros do Goberno pretenden é "solidarizarse" coas persoas que estes días perden ingresos, así como unirse aos cidadáns e empresas que están a realizar as súas doazóns, aos que dá as grazas.

'BOTEMOS UNHA MAN'

Xunto ao tuit, a Xunta recolle unha imaxe cunha nota de agradecemento na que subliña as doazóns que "numerosas empresas e institucións" realizan para loitar contra o COVID-19.

"As súas achegas son determinantes para pór freo a esta pandemia: máscaras: ventiladores, camas, mergulladores, lentes, batas, luvas, material desechable, etanol, desinfectante ou diñeiro para material", relata.

A continuación, dá as grazas por esta a axuda á sanidade pública galega.

Finalmente, a nota fai constar que, ante o elevado número de chamadas, a Xunta habilitou un correo electrónico (grazasgalicia@sergas.gal) e catro contas para canalizar a axuda económica: E23 2080 0388 2231 1000 3170 de Abanca; W23 0081 5363 2800 0114 1816 do Banco Sabadell; E02 2100 8685 3202 0001 5126 de CaixaBank; e E75 0049 2932 8021 1406 4873 do Banco Santander.

DEPUTADOS

Os deputados da Cámara galega súmanse tamén á loita contra o coronavirus nesta crise sanitaria e, neste sentido, baixáronse o soldo ou pediron reducir os seus ingresos durante o tempo que perdure o estado de alarma e a emerxencia sanitaria.

Achegarán o 30 por cento do seu salario os deputados do PPdeG, o grupo maioritario da Cámara, que conta con 18 deputados na Deputación Permanente —entre titulares (nove) e suplentes (nove)—, aos que hai que sumar os conselleiros que conservan a súa acta (catro) e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que cobran salario do Goberno.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou na rede social Twitter que doará o "50 por cento dos seus ingresos desde que se decretou o estado de alarma para a loita contra a crise xerada polo covid-19".

"A acción dos gobernos é clave nesta crise", sinalou Caballero, que sostivo que hai actos como esta doazón que, "sen solucionar o grave, contribúen a mostrar o seu compromiso".

Caballero, que explica que os deputados estatais, senadores e parlamentarios autonómicos tamén contribuirán con doazóns a facer fronte á crise do COVID-19, remitiu unha carta á militancia e aos responsables públicos do partido para convidar a participar nesta campaña.

Pola súa banda, os deputados do Grupo Común da Esquerda, cinco integrantes na Deputación Permanente entre titulares e suplentes, presentaron un escrito ante a Mesa para pedir que se lles reduza a nómina ao salario basee, é dicir, de 5.052 euros brutos pasar a cobrar 2.067 brutos, uns 1.400 euros mensuais —en función das retencións de cada un— mentres dure a crise da Covid-19.

No escrito, con data de este domingo 5 de abril, os parlamentarios do Grupo Común da Esquerda sosteñen que a crise do coronavirus "precisa unha implicación activa de toda a sociedade, que fai un esforzo extra para atender todas as necesidades e non deixar a ninguén atrás".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou o pasado sábado que os deputados nacionalistas tamén doarían parte do seu salario do mes de marzo a proxectos de investigación vinculados a loitar contra a Covid-19.

EN MAREA

Nun comunicado de prensa, En Marea tamén informou de que a formación política contribuirá á loita contra a pandemia, tanto con soldos dos deputados, como fondos da propia organización política.

Con todo, e a pesar da decisión adoptada na reunión da coordinadora deste luns, esta formación política "non renuncia a manifestar publicamente que tanto para estados de normalidade e como de emerxencia, é necesario que o Estado dispoña recursos suficientes obtidos de forma progresiva en función da capacidade económica de cada un, é dicir, pola vía dos impostos".

Á marxe de cada un dos grupos, o Parlamento de Galicia anunciou unha transferencia á Xunta dunha partida de dous millóns de euros procedentes do remanente de tesouraría da institución para contribuír ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os que non pagarán un peso -coma sempre- os do Grupo Común da Esquerda (que nin é común nin é de esquerdas) Eva Solla levando a bandeira do capitalismo salvaxe !!!