Oscenidades 2013

Xa sabiamos que o 2013 ía ser un ano moi duro pero non eramos conscientes da velocidade coa que aparecerían os primeiros síntomas do calvario que nos agarda.Porque unha cousa é aturar a suba de prezos de distintos servizos básicos e dixerir os anuncios das reducións salariais que van padecer os empregados públicos galegos e outra diferente é contemplar a incontinencia verbal deses gobernantes –por exemplo, Luis de Guindos- que ven luces nun horizonte que está cheo de sombras.

Por Xesús Veiga | Compostela | 10/01/2013

Comparte esta noticia
A tan coñecida retórica dos “brotes verdes” de Zapatero resucita agora da man dos que criticaban duramente aquel espellismo.A verdade é que non merecemos este espectáculo protagonizado polos que pensan que ocupar unha cadeira ministerial proporciona un plus de rigor analítico.
 
O nomeamento de Rodrigo Rato como asesor de Telefónica é unha desas novas que conseguen provocar certa sorpresa e moita indignación.Non se lle poden pedir escrúpulos morais a unha multinacional que fai da obtención do máximo beneficio o argumento básico da súa existencia pero non é seguro que esta operación rescate de Rato figure no catálogo das prácticas desexábeis para fortalecer a imaxe pública desta empresa.Dados os antecedentes do persoeiro e o clima social a respecto dos directivos das entidades financeiras, de dúas unha:ou os máximos executivos de Telefónica viven nun singular paraíso que desactiva as percepcións mentais sobre o estado da opinión pública e publicada ou ben existe unha débeda moi forte contraída co ex-ministro que esixe unha urxente compensación.Semella que César Alierta sentiu a obriga de agradecer a Rato a vella decisión que lle permitiu disfrutar do cargo actual aínda que teña que pagar o prezo do escándalo derivado de contratar como asesor a un imputado xudicial pola desfeita de Bankia.
 
Con este episodio, a biografía de Rato é un relato case perfecto do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias e a diminución indiscriminada de impostos.Vicepresidente económico con Aznar, director xerente do FMI no período no que se xestou a crise das “hipotecas subprime”, principal responsábel de Cajamadrid e de Bankia no momento do estoupido final desas entidades e agora asesor de Telefónica para os negocios exteriores.Un menú completo para describir o medre e a caída dun símbolo que foi idolatrado na rúa Génova e nos influíntes círculos da dereita mediática. 
 
O nomeamento de Rato inaugura o apartado das obscenidades que nos reserva este ano.TVE quixo facer a súa particular aportación e ofreceu unha entrevista de Jesús Hermida co titular da Coroa que debería ser analizada nas aulas das Facultades de Xornalismo para ilustrar o que non debe ser o labor dun profesional dos medios.Se as actividades de Urdangarín e a cacería de Botsuana non merecen formar parte das preguntas destinadas a comprobar a capacidade retórica do actual monarca, para qué interesa unha entrevista televisiva en horario privilexiado?Só hai unha resposta congruente:para insultar a intelixencia da cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.