Endesa presume de plantar árbores autóctonas para protexer do lume os seus parques eólicos

A medida cobre catro parques da provincia da Coruña e dous en Lugo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

Endesa presumiu este mércores de ter habilitados cintos forestais de árbores autóctonas en seis dos parques eólicos que opera en Galicia como fórmula sustentable para loitar contra os incendios. Segundo destacou a enerxética, a medida nace da experiencia adquirida no incendio declarado en 2017 en Pedrogao Grande, Portugal.

Incendio en San Vicente de Leira en marzo deste ano
Incendio en San Vicente de Leira en marzo deste ano | Fonte: remitida

En concreto, a división de renovables de Endesa, Enel Green Power España (EGPE) deseñou esta solución tras estudar o caso de Quinta da Fonte, unha pequena aldea que se salvou das lapas do incendio por estar rodeada de carballos, castiñeiros e oliveiras. Mentres o resto do val, caracterizado pola presenza de eucalipto, ardeu; o lume respectou a aldea porque o seu perímetro estaba formado por unha franxa de árbores nobres.

PARQUES EN GALICIA

A compañía aplicou esta solución a catro parques da provincia coruñesa, os de Vilán (Camariñas), Pena Forcada (Camariñas), Castelo (Coristanco e Tordoia), Coriscada (Ortigueira e Mañón), e dous de Lugo: Pena Ventosa (Viveiro, O Vicedo e Ourol) e Pousadoiro (A Pontenova, A Pastoriza e Riotorto).

Todas as subestacións e os edificios de control dos parques foron rodeados de cintos forestais autóctonos (castiñeiros, carballos, sobreiras e bidueiros) que suman 5,3 hectáreas. En total Endesa plantou 1.100 árbores gardando as distancias regulamentarias. Os terreos nos que se actuou non son propiedade da empresa, senón de particulares que poderán beneficiarse no seu momento da madeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta