Presos fronte a COVID-19, unha dobre condena

A poboación reclusa foi un dos sectores onde máis incidiu a Organización Mundial da Saúde en relación coa COVID-19. As excepcionais condicións en que viven as e os presos, fan que as infeccións se desenvolvan con maior virulencia dentro das cadeas, tal como aconteceu coa SIDA e aínda acontece con outras doenzas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A posibilidade de ter información de primeira man sobre as cadeas e o que pasa dentro delas é difícil. Aínda que as políticas de comunicación desde Institucións Penitenciarias teñen mellorado, segundo explican algúns colectivos que representan os intereses dos e das internas. En tal caso, os centros penitenciarios tamén tiveron que levar adiante políticas de illamento para impedir a entrada da COVID-19 dentro das cadeas.

Furgóns da Garda Civil aparcados na Prisión de Soto del Real onde os efectivos da UME se despregaron para desinfectar as instalacións e evitar así a expansión do coronavirus, en Soto del Real, Madrid (España), a 20 de marzo de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Furgóns da Garda Civil aparcados na Prisión de Soto del Real onde os efectivos da UME se despregaron para desinfectar as instalacións e evitar así a expansión do coronavirus, en Soto del Real, Madrid (España), a 20 de marzo de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

CORTE DE COMUNICACIÓNS

A reacción das autoridades penitenciarias en relación ao estado de alarma foi a de cortar toda comunicación co exterior. Isto implicaba que o réxime de visitas, os bis a bis e visitas de avogados quedaban cortadas ata nova orde. Só poderían ir letrados en casos de forza maior e motivos moi excepcionais. Con todo, as dificultades eran moi grandes.

Neste sentido, desde o Observatorio das Liberdades Esculca, de Ourense, así como tamén por iniciativas individuais, enviáronse numerosas solicitudes para destacar que “moitas das actuacións durante o estado de alarma foron moi extremas”.

Os movementos estaban restrinxidos, “mesmo cando se foron levantando pouco a pouco, había límites ás visitas de familias que viven en áreas que están en fase 1” di Fernando Blanco, avogado e membro de Esculca. Os movementos por “causas de forza maior” tamén estaban permitidos.  A desescalada logo do confinamento traerá a reanudación das visitas intercomunidade e interprovinciais, mais será de maneira “moi lenta”.


OS MÁIS AFECTADOS

A división dos reclusos e das reclusas por graos non influíu durante a aplicación das medidas contra o coronavirus. O estado de alarma foi igualitario nese sentido segundo Fernando Blanco. Con todo houbo dous puntos que non tiveron o peso suficiente cando se tomaron as decisións relativas ao confinamento e illamento social dos presos e presas.

O primeiro punto foi que a Organización Mundial da Saúde considera a poboación carcelaria como moi vulnerable. Nese sentido aplicáronse medidas de excarceración de poboación penitenciaria para reducir todo o posible a irrupción da COVID-19 dentro das cadeas. España excarcerou 3.000 presos, mais as condicións de saturación non permitiron o distanciamento social necesario para evitar contaxios.

O segundo punto é que un dos colectivos de presos que máis sentiron a aplicación do estado de alarma foron os clasificados en primeiro grao. O seu réxime de illamento case que total, fai máis difícil o seu seguemento sanitario. Por outra parte, tamén están aquelas persoas coa saúde mental afectada. A incomunicación total pode agravar os estados de depresión, por exemplo, pola falta de visitas, de actividades no exterior e a falta de atención especializada.

UN MUNDO Á PARTE

“Un exemplo desas deficiencias foi a prisión de Teixeiro, onde a praza de médico estivo bacante”. A ausencia de datos sobre posibles brotes entre a poboación reclusa, ademais da falta de tratamentos especializados e o consumo de drogas mesturadas coa medicación que puideran estar tomando, son tamén puntos preocupantes dos que non se ten información abondo.

“A  cadea é un mundo á parte, escuro, quen acceden son asociacións de carácter asistencial, outro tipo de asociacións actúan desde fóra” di Fernando Blanco. Aínda así o avogado declara que a conflitividade é escasa dentro das cadeas, en contra do que pode parecer. Si existen conflictos puntuais que moitas veces son sobredimensionados.

Durante o confinamento houbo protestas entre a poboación reclusa de 3º grao pola suspensión de permisos que xa estaban acordados. “Tamén existen folgas de fame individuais e rotatorias en protesta polas condicións penitenciarias”. Moitos casos de violencia dentro das cadeas “serían vistos na rúa como lexítima defensa”. Para persoas vinculadas coa observación dos dereitos das persoas dentro das cadeas, algunhas estruturas do sistema penitenciario “son caldo de cultivo para conflitos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

A ver se dunha vez por todas a xente entende que o Estado de Alarma permanente 100 dias e o SECUESTRO da poboación é un grave delito contra a Saúde (e non como se nos tentou vender un medio para protexer a saúde da xente!) https://twitter.com/00Gamela/status... BASTA XA DE AUTORITARISMO GRATUÍTO !!!

1 enfin... serafin

xa temos por aqui outr@ lumbreras!!!