Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 19:35
O candidato da coalición Galicia En Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, comprometeuse a reverter "o desmantelamento" ao que, di, someteu a Xunta ao ensino no rural durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo como presidente.
Díxoo en Sarria, onde este venres visitou xunto ao número uno da coalición pola provincia luguesa, Miguel Anxo Fernán-Vello, as instalacións do CEIP Frei Luís Granada acompañado polos pais e nais organizados nunha plataforma que reclama unha reforma integral do centro ante as deficiencias estruturais que presenta.
A plataforma denuncia que a Consellería de Educación "está a ocultar datos" sobre o proxecto de reforma do centro no que, segundo sosteñen, "levan facendo parches desde 2009".
Neste sentido, a ANPA do colexio denuncia que a solución posta sobre a mesa pola Xunta foi "recolocar" o alumnado nun antigo centro "en desuso e sen as condicións adecuadas ou repartilos por colexios da contorna".
Durante a visita, tras ver as fotos do interior do centro achegadas pola plataforma de pais e nais, Gómez-Reino e Fernán Vello dixeron que no CEIP "non se pode exercer a actividade docente".
"O estado no que se atopa o centro é o perfecto exemplo da nula preocupación do señor Feijóo educación pública no rural", sinalou Gómez-Reino, que se comprometeu a impulsar, se alcanza responsabilidades de goberno, un plan de reforma e mellora dos centros educativos de Galicia que retire o amianto das construcións, mellore a súa eficiencia enerxética e elimine barreiras arquitectónicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.