Por E.P. | A Coruña | 28/06/2020 | Actualizada ás 17:39
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reivindicou os "enormes avances" logrados en materia de dereitos e recoñecemento ao colectivo LGTBIQ polos gobernos das mareas en Santiago, A Coruña e Ferrol entre 2015 e 2019, polo que apelou a levalos á Xunta para que tras as eleccións autonómicas do 12 de xullo haxa un goberno da Xunta que acompañe a unha sociedade galega "que entende a diversidade".
Así se pronunciou o cabeza de lista da coalición este domingo na Coruña antes de participar nun acto de campaña acompañado polos números dous e tres da lista pola Coruña, Luca Chao e Martiño Noriega.
Un acto que quedou deslucido pola choiva, que fixo acto de presenza na cidade herculina minutos antes do mediodía, hora fixada para o arranque dun encontro tras o cal Antón Gómez-Reino despexa da súa axenda de campaña para centrarse na preparación do debate que acolle este luns a CRTVG.
Este 28 de xuño, Día do Orgullo, Gómez-Reino sinalou que se trata dunha data "historicamente de celebración, reivindicación e loita por unha sociedade na que todo o mundo poida entender a súa sexualidade e o seu xénero como eles decidan".
Neste sentido, reivindicou os "enormes avances" no pasado mandato municipal (2015-2019) nos concellos de Santiago, Ferrol e A Coruña, gobernados por Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica, en materia "lexislativa e normativa" que conseguiron, segundo Gómez-Reino, avanzar na normalización do colectivo LGTBIQ.
"A partir do 12 de xullo necesitamos un goberno feminista e un goberno que poña no centro as demandas do colectivo LGTBIQ, que é unha parte fundamental da sociedade e achéganos unha unha forma de ver o mundo extremadamente rica", incidiu o candidato da alianza de esquerdas, que dixo que "é o momento de entender a diversidade en Galicia dunha vez por todas".
Así as cousas, e tras afirmar que o Goberno de coalición no Estado tamén fai súas as reivindicacións da comunidade LGTBIQ, Gómez-Reino incidiu en que é "fundamental" que a partir das próximas eleccións Galicia teña un goberno "que entenda a pluralidade, a diversidade e a potencia e riqueza que teñen as diferentes formas de entender a vida e os afectos na sociedade galega".
ARRANQUE DE CAMPAÑA
Na terceira xornada da campaña, cuestionado sobre as impresións dos primeiros compases da carreira cara ao 12J, o secretario xeral de Podemos Galicia sentenciou que "está moi preto" a posibilidade de cumprir coa "responsabilidade histórica" de "acabar co decenio negro de Núñez Feijóo" na Xunta.
Un obxectivo que pasa, segundo Gómez-Reino, por conseguir que o electorado progresista se mobilice nas urnas. "Levámolo dicindo desde o principio e farémolo ata o final. Hai que acabar con ese intento de desánimo que trata de conseguir o PP e as forzas da dereita", apuntou o candidato que apela a evitar que o 12J "sexa a porta de entrada do señor (Santiago) Abascal na Xunta".
"Hai que facer fincapé nisto. A maior parte da sociedade entende a diversidade como unha riqueza. Só hai unha minoría autoritaria que ademas tamén está a tratar de axitar a campaña en Galicia. Temos que mobilizar o electorado de esquerdas que bloquee a entrada das forzas autoritarias, que non terían ningún problema, máis ben ao contrario, de facer coalición con Feijóo na Xunta", sentenciou Gómez-Reino en alusión a Vox.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.